Trump respalda o xuíz acusado de tentativa de violación mentres a muller pide ao FBI que o investigue

Christine Blasey Ford, a profesora universitaria de Palo Alto que denunciou o xuíz Brett Kavanaugh por tentar violala hai tres décadas, pide que o FBI abra unha investigación sobre o asunto antes de ter que prestar testemuño perante o Comité Xudicial do Senado. Kavanaugh, proposto por Trump para ingresar no Tribunal Supremo, ten que obter a aprobación da cámara alta para se facer coa cadeira vitalicia na cimeira do poder xudicial estadounidense. O maxistrado, de orientación ultra-conservadora, recibiu o apoio fechado de Donald Trump.

kavanaugh
photo_camera Trump aplaude ante Kavanaugh e a súa familia o día do seu nomeamento para o Supremo

Trump é xuíz e parte no asunto Kavanaugh: é a súa proposta para acceder ao Supremo —e para dar á maioría neste órgao ás posicións conservadoras— e está disposto a mantela até o final, embora o xuíz de apelacións federal teña sido denunciado por Christine Blasey Ford por ter tentado violala hai por volta de trinta anos, cando ambos eran estudantes.

O presidente dos EUA cualificou Kavanaugh de "grande cabaleiro" e dixo que estaba ansioso por testificar a próxima segunda feira. "Non sei que pensa facer o outro partido", dixo Trump, en relación ao Partido Demócrata. Refírese así a que a oposición prefire adiar a reunión do Comité Xudicial do Senado en tanto o FBI non investigar as acusacións formuladas por Christine Blasey Ford, tal e como ela propia ten demandado.

A posición de Trump contrasta coas voces que se teñen erguido no seo do Partido Republicano, mesmo no propio Senado, sobre a conveniencia de esclarecer o asunto antes de tomar unha decisión irreversíbel, a do nomeamento de Kavanaugh como xuíz do Supremo. Irreversíbel porque nos EUA as designacións para a cúpula do poder xudicial teñen carácter vitalicio.

A petición de aprazamento da reunión da Comité udicial do Senado formulada por Christine Blasey Ford non ten aspecto de que vaia ser apoiada polos republicanos. Máis ben todo o contrario. O presidente do comité, o conservador Chuck Grassley, declarou que Blassey Ford "merece ser escoitada" e que, portanto, o convite para que testifique a vindeira segunda feira "continúa en pé".

Porén, Blassey Ford non quere ir a ese comité —e submeterse ao interrogatorio dos senadores republicanos que respaldan a candidatura de Kavanaugh— sen que antes o FBI realice pesquisas sobre as súas acusacións. De feito, a súa avogada deixou caer esta segunda feira que a profesora de Palo Alto optaría por non comparecer se finalmente a maioría republicana se nega ao aprazamento.

Comentarios