Trump recúa e, nunha conversa con Xi Jinping, volta a abrazar a política de "unha soa China"

O amago de Trump de rachar coa política tradicional dos EUA a respeito do conflito entre China e Taiwan -isto é, o non recoñecimento da illa como estado soberano- ficou apenas niso. O presidente dos EUA recuou e  -durante a súa primeira conversa telefónica co líder chinés, Xi Jinping- deu seguranzas a Beijing de que só recoñece unha China.

Xi Jinping e Trump
photo_camera Xi Jinping e Trump

Os primeiros compases do trumpismo foron francamente agresivos con Beijing nunha dupla vertente. Na comercial, con anuncios de incrementos serios dos aranceis aos produtos chineses. E na política, cunha insólita conversa telefónica co presidente de Taiwan, o que foi considerado por China como unha provocación norteamericana. Como pano de fundo, o conflito sobre as augas do Mar do Sul da China, onde acostuman patrullar unidades da armada dos EUA e que Beijing considera dentro da súa xuridisdición.

Pois ben, a realpolitik -China é dona de boa parte da débeda pública norteamericana- comeza a producir os seus efeitos e esta quinta feira o presidente dos EUA mantivo o seu primeiro contacto telefónico co seu homólogo chinés, Xi Jinping. A charla serviu fundamentalmente para Trump enviar ao mundo á mensaxe de que se vai manter nos límites da política norteamericana sobre China fixados por Nixon cando en 1974 estabeleceu por vez primeira vez lazos co antigo imperio do centro, naquela altura pilotado polo líder histórico Mao Zedong.

O comunicado da Casa Branca non deixa espazos para a dúbida: "O presidente Trump estivo de acordo, a demanda do presidente Xi, en honrar a política de 'Unha soa China'". Por súa parte, Xinhua, a axencia de noticias estatal chinesa, informou de que Jinping manifestou a Trump a súa convicción de que "ambos países son perfeitamente capaces de se convertern en bos parceiros".

Segundo a información que manexa Xinhua, Trump e Jinping falaron da hipótese de combinar un encontro persoal nun breve prazo de tempo.

E mentres tanto, no Mar do Sul da China produciuse un incidente que en principio ficou en nada entre unha aeronave chinesa e un avión da Mariña norteamericana. Washington dixo que o seu aparato voaba en misión de rotina e que se encontraron no espazo aéreo internacional. Beijing declinou facer comentarios ao respeito.

Comentarios