luns 18/01/21

Trump recoñece a súa derrota

Donald Trump asegura agora que haberá unha transición ordenada para o novo Goberno e condena os asaltantes do Capitolio que el mesmo animou. 
 
Donald Trump nunha protesta polo resultado das eleccións (Foto: Bryan Smith / ZUMA Wire / Dpa)
Donald Trump nunha protesta polo resultado das eleccións (Foto: Bryan Smith / ZUMA Wire / Dpa)

Dous meses tiveron que pasar desde as eleccións para que o presidente saínte dos Estados Unidos de América, Donald Trump, recoñecese a súa derrota ante o temor a que se inicie un proceso de destitución contra el por instigar ao asalto do Capitolio.

O presidente de Estados Unidos compartiu un vídeo en Twitter con declaracións nas que manifesta que "o seu único obxectivo era asegurar a integridade do voto" e agregou que a súa campaña "seguiu con vigor todas as vías legais para impugnar os resultados das eleccións".

"Agora hai que arrefriar os ánimos e restaurar a calma. Debemos seguir adiante cos negocios de Estados Unidos […] O meu enfoque agora céntrase en garantir unha transición de poder suave, ordenada e sen problemas. Este momento exixe curación e reconciliación", expresou o mandatario.

Ademais, Trump sinalou que quen formou parte do asalto ao Capitolio debe "pagar". "Para aqueles que participaron nos actos de violencia e destrución: vostedes non representan o noso país", dixo, logo de ser el mesmo quen instigou a tomar a sede do poder lexislativo durante a manifestación que rodeou o icónico edificio do Capitolio.

Trump desdise así na súa primeira mensaxe en Twitter logo de que a rede social lle bloquease a conta durante 12 horas debido ás "repetidas e graves violacións" da súa política de Integridade Cívica. Para poder reactivar a súa conta, Trump tiña que eliminar tres chíos recentes no que afirmaba que lle “roubaran” as eleccións e que foron lanzado mentres os manifestantes rodeaban o Capitolio a pasada cuarta feira, 6 de xaneiro.

comentarios