"Adoro iso. Estou moi feliz de non ser o seu tipo", replica E. Jean Carroll

Trump, ante unha nova acusación por agresión sexual: "Ela non é o meu tipo"

Segunda feira pasada a escritora e columnista da revista Elle E. Jean Carroll referiu unha agresión sexual sofrida a mans de Donald Trump e da que tería sido obxecto nos probadores dunha tenda de roupa de alto standing en Manhattan, a mediados dos 90 do pasado século. É un novo testemuño entre a ducia de mulleres que teñen denunciado abusos pretensamente perpetrados contra elas por Trump antes de o magnate inmobiliario e celebridade televisiva ter posto os pés no Despacho Oval.

 

E Jean Carroll
photo_camera E. Jean Carroll, na pantalla da CNN

A Casa Branca negou enerxicamente os cargos formulados por E. Jean Carroll. A escritora aínda non ten decidido se denunciará o asunto formalmente ante a Policía de Nova Iorque. Animouna a o facer o alcalde da cidade, o demócrata Bill de Blasio, aspirante, embora con escasas opcións de suceso, á nominación demócrata para disputar en 2020 a presidencia a Trump, favorito para a reelección pola boa marcha dos indicadores económicos (crecimento ininterrumpido do PIB, práctico pleno emprego) e porque desde hai 40 anos só dous presidentes non conseguiron a reelección (o republicano Gerald Ford en 1976 e o demócrata Jimmy Carter en 1980).

Mais o desmentido de portavoces da Casa Branca ás acusacións de Carroll veu acompañado dunha nova saída de ton do inquilino da Casa Branca. Moi no seu estilo de atacar as mulleres que o denuncian, e nunha entrevista co portal The Hil, Trump dixo: "Número 1, non é o meu tipo. Número 2, nunca sucedeu. Nunca sucedeu, ok?". En declaracións á CNN, a escritora replicou: "Adoro iso. Estou moi feliz de non ser o seu tipo".

A escritora aínda non ten decidido se denunciará o asunto formalmente ante a Policía de Nova Iorque. Animouna a o facer o alcalde da cidade, o demócrata Bill de Blasio

Non é a primeira vez que Trump nega alegacións de ataques sexuais formuladas contra el co razoamento de que as mulleres que o denunciaban non lle resultaban atractivas. "Créanme, ela nunca sería a miña primeira opción", dixo en 2016 após ter sido acusado de abusos pola pasaxeira dun avión.

Se E. Jean Carroll finalmente presentase a súa denuncia, a policía científica podería tomar mostras da roupa que vestía no momento do pretenso ataque de Trump. A escritora ten as prendas gardadas desde aquela altura. Nunca as lavou. Poderían ter rastros do ADN do agora presidente. 

O aparato de propaganda ao servizo do magnate tenta desacreditar a historia de Carroll co argumento de que é unha invención destinada a pór o foco dos medios e do público no libro que a escritora anda a presentar estes días, "Para que necesitamos homes?". "Os autores homes nunca reciben estes ataques. O cerne do asunto non vai sobre vender ou non un libro sobre Trump", replica a colaboradora de Elle.

Por que non denunciou a agresión no seu momento? É outra das cuestións coas que está a lidar estes días a columnista. Carroll afirma que pouco despois dos feitos un xornalista amigo seu teríalle aconsellado que non fose aos tribunais contra o magnate porque "podería enterrarme", tal e como xa tería feito con outras mulleres.

O grao de concienciación social acadado polo movimento feminista #metoo e a incorrixíbel contumacia misóxina de Trump terían contribuído a levar Carroll a resgatar agora o episodio e a se enfrentar abertamente co presidente norteamericano, embora ser consciente do seu enorme poder. "É quen de conseguir que te despidan do teu traballo", afirma.

Comentarios