Anti-abortista ultraconservador

Trump nomea xuíz do Supremo un defensor da impunidade dos presidentes en exercicio

Unha das maiores atribucións da presidencia dos EUA é o nomeamento das e dos xuíces do Tribunal Supremo. As vacantes cóbrense con carácter vitalicio, daí a enorme importancia das designacións. Trump nomeou esta segunda feira o maxistrado ultraconservador Brett Kavanaugh como novo xuíz do Supremo. Hai 18 meses, xa designara outro maxistrado da mesma orientación ideolóxica, Neil Gorsuch.

kavanaugh
photo_camera Trump, desde o atril, aplaude perante Kavanaugh e a súa familia [Foto: Casa Branca]

Os EUA van ter o Tribunal Supremo máis conservador en décadas. O nomeamento de Kavanaugh  por parte de Trump —a designación aínda ten que pasar pola peneira do Senado— garante a prevalencia das teses conservadoras no alto tribunal. En xogo non só está o respeito dos dereitos das mulleres —o novo xuíz é un coñecido anti-abortista, senón mesmo a competencia efectiva do poder xudicial á hora de procesar un presidente en exercicio. Sobre esta última cuestión, Kavanaugh escribiu en 2009 un artigo en que puña en cuestión que a Constitución amparase a imputación e xulgamento dun inquilino da Casa Branca mentres este ocupar o Despacho Oval. Non é menor este asunto, tendo en conta as investigacións en curso sobre a eventual interferencia rusa a favor do candidato republicano nas eleccións presidencias de 2016, unhas pesquisas que hipoteticamente poderían resultar no impeachment [proceso de destitución] de Trump.

Organizacións feministas como a Marcha das Mulleres reaxiron con dureza perante o nomeamento. "O anuncio de Trump [o nomeamento] é unha sentenza de morte para miles de mulleres nos EUA. A nominación do xuíz Brett Kavanaugh ameaza con levar o máis alto tribunal da nosa nación perigosamente cara á dereita e, alén diso, erosina a protección para todos os grupos sociais que padecen marxinación en América".

Comentarios