Polémica visita de estado ao Reino Unido

Trump inxírese no debate no Partido Conservador británico ao decantarse por Boris Johnson

Trump entra sempre como elefante en cacharraría. A diplomacia non caracteriza precisamente a súa forma de facer política. O presidente dos EUA visita esta segunda feira o Reino Unido nun momento en que o partido no goberno, o conservador, está sen cabeza, após a demisión en diferido —aínda se mantén á fronte do executivo—de Theresa May. Jeremy Corbyn criticou Trump por se inxerir nos asuntos internos británicos.

queen
photo_camera Trump e a Raíña Isabel II pasan revista ás tropas nunha visita anterior do presidente dos EUA ao Reino Unido

Trump apoia os sectores máis duros do Partido Conservador, aqueles que precipitaron a caída de Theresa May como líder ao apoiar un Brexit duro, isto é, a saída da Unión Europea ao prezo que sexa, mesmo sen acordo de ningún tipo.

Nas vésperas da súa viaxe ao Reino Unido, Trump gabou a figura de Boris Johnson, a quen retratou como o candidato perfecto para tomar o relevo de May. Fïxoo nunha entrevista co rotativo conservador The Sun. O inquilino da Casa Branca avogou tamén por que Nigel Farage, o líder do Brexit Party, xogase un papel relevante na política norteamericana.

Nas filas do Labour Party a visita de Trump levantou acedas críticas. As máis duras levaron a asinatura do alcalde de Londres, Sadiq Khan, o primeiro político musulmán en dirixir a primeira cidade británcia. Nun artigo en The Observer —a edición dominical de The Guardian— Khan equiparou Trump con personalidades da dereita populista e anti-UE como o húngaro Viktor Orbán, o italiano Matteo Salvini e a francesa Marine Le Pen. Serían todos eles, a ollos do alcalde de Londres, representantes dun novo fascismo.

Trump non demorou en contestar o ataque de Khan. No seu campo de batalla favorito, twitter, o presidente dos EUA chamou "perdedor" ao dirixente laborista e emprazouno a que focase a súa atención no "crime en Londres" e non na Casa Branca.

Por súa parte, Jeremy Corbyn tamén empregou as redes sociais para cualificar de "enteiramente inaceptábel" a interferencia trumpiana "na nosa democracia".

O líder laborista non desaproveitou a ocasión para —un dos seus mantras desde a renuncia de May chamar a unha convocatoria anticipada das eleccións xerais. É o electorado británico quen debe elixir "o próximo primeiro ministro" e non os "non representativos 100 mil membros do partido Tory", conclúe.

Comentarios