Trump fai da OMS o pandote da COVID-19

"Unha grave mala xestión" e "a ocultación da propagación do coronavirus". Estes son os dous motivos esgrimidos polo presidente dos EUA, Donald Trump, para suspender entre 60 e 90 días a súa contribución á Organización Mundial da Saúde, a axencia da ONU responsábel da saúde pública a nivel global. 
April 14, 2020 - Washington, DC, United States:President Donald Trump makes remarks as he host a meeting with recovered COVID-19 patients in the Cabinet Room. (Contacto)
ONLY FOR USE IN SPAIN

April 14, 2020 - Washington, DC, United States:President Donald Trump makes remarks as he host a meeting with recovered COVID-19 patients in the Cabinet Room. (Contacto)

14/4/2020 ONLY FOR USE IN SPAIN
photo_camera O presidente Trump leva ameazando desde hai varios días coa retirada de fondos, ao tempo que aumentan os contaxios no seu país (Polaris)

Os EUA transfiren á OMS entre 400 e 500 millóns de dólares por ano, sendo, con moito, o maior contribuínte ao seu orzamento. Que o continúe a ser dependerá da investigación sobre o suposto trato de favor que, segundo Trump, a organización tería dado á China nesta crise.

As contías que cada país doa calcúlanse en base ao seu tamaño e á súa riqueza. A isto súmanse as contribucións voluntarias a maiores de cada Estado. As doazóns privadas son tamén unha importante fonte de ingresos para a OMS. Por exemplo, a Fundación Bill & Melinda Gates achega 9,76% do orzamento total, por 14,67% do Goberno dos EUA, no bienio 2018-19.

No actual de 2020-21, até o 31 de marzo ─tal e como recolle a OMS na súa web─, os maiores contribuíntes por Estados foron: EUA (57,9 millóns de dólares), China (28,7), Xapón (20,5), Alemaña (14,6), Reino Unido (10,9), Francia (10,6) e Italia (7,9).

Trump leva días ameazando con retirar os fondos, acusando a OMS de ocultación. Mais son numerosas as informacións que detallan como foi informado da severidade do virus xa en xaneiro. 

Tamén considera que é "sinocéntrica", e volveu pór na mira a China ao tempo que medra o número de contaxios nos EUA. Mais cando o virus avanzaba polo país asiático, en febreiro, loou en varias ocasións a resposta do seu homólogo, Xi Jinping. Está a xestionar a crise "realmente ben" e está a facer "un moi bo traballo ante unha situación moi complicada", ten escrito no seu Twitter.

Internamente, desde o Partido Demócrata reaccionouse con dureza á decisión, ao igual que o fixeron a Asociación Médica, a Universidade Johns Hopkins ou o Centro para o Control e Prevención de Enfermidades

De fóra, fóronse sumando voces ao longo da xornada de onte, con críticas desde o Goberno de Alemaña ao de Rusia, pasando polo da China. O secretario xeral da ONU, António Guterres, declarou que era "o tempo da unidade".

Comentarios