Trump conseguiu datos electorais sensíbeis para tratar de ser electo

O FBI alerta de risco de atentado terrorista.
O ex presidente estadounidense Donald Trump. (Foto: Niyi Fote / TheNEWS2 via ZUMA Pres / DPA)
photo_camera O ex presidente estadounidense Donald Trump. (Foto: Niyi Fote / TheNEWS2 via ZUMA Pres / DPA)

Durante os días posteriores ás eleccións presidenciais de 2020, o equipo de Donald Trump buscaba probas que defenderan a teoría de que unha fraude electoral impedira a reelección do candidato do Partido Republicano, para intentar invalidar os comicios que deron a Joe Biden a Presidencia dos Estados Unidos.

Nese contexto, os seus avogados contrataron varios informáticos para copiar datos sensíbeis dos sistemas electorais en Estados chave para a súa derrota, como Georgia, Nevada e Michigan, chegando a pagar nun dos casos até 26.000 euros por acceder aos datos rexistrados nas máquinas que contan os sufraxios, vén de publicar The Washington Post.

As ordes para dirixirse a estas localizacións e copiar os datos, impartidas pola avogada Sidney Powell, chegaron tanto antes como despois do asalto ao Capitolio do 6 de xaneiro de 2021, que o comité lexislativo que o investiga considera “un intento de golpe de Estado”, do que Trump era consciente. Ademais, Powell solicitou aos informáticos que compartisen os datos obtidos por estas empresas con outros simpatizantes a favor de Trump, unidos para demostrar que os comicios foran fraudulentos.

A pesar de que a Axencia Federal de Investigación (FBI) aínda non avanzou se analizará esta denuncia, en Michigan están en marcha varias investigacións criminais en contra da copia ilegal destes datos, mentres que en Colorado, a republicana Tina Peters está acusada de suplantación de identidade e de tratar de influír nun funcionario público.

Nesa liña, o ex alcalde de Nova York e un dos líderes do equipo legal de Trump, Rudy Giuliani, foi finalmente declarado como imputado polo intento de evitar a derrota electoral, tras acusar os funcionarios electorais de irregularidades nas presidenciais.

Ao tempo, o FBI continúa en alerta máxima despois do aumento das ameazas após o rexistro da mansión do ex presidente en Florida, que provocou un intento de ataque armado na sede da Axencia en Ohio.

Nun memorando conxunto co Departamento de Seguridade Nacional, o FBI alerta de posíbeis intentos de atentado “de extremistas violentos domésticos”, que estarían dirixidos a instalacións federais.

No que atinxe á polémica polo rexistro, que pescudaba documentos clasificados sobre armas nucleares, que Trump tería que ter entregado ao final do seu mandato, o Departamento de Xustiza negou a segunda feira a última demanda de Trump, publicar a declaración xurada na que se basearon as autoridades para lanzar a operación na mansión de Mar-a-Lago.

Comentarios