Trump ataca a China, que elude o conflito

Todos os líderes dos 193 membros da ONU interveñen estes días na Asemblea Xeral da ONU, que este ano 2020 chega á súa 75ª sesión, marcada ademais pola situación de pandemia que se vive en todo o planeta. O conflito entre os EUA e a China foi un dos protagonistas no primeiro día de discursos no 'Parlamento mundial'.
un_general_assembly_2020_trump
photo_camera Intervención do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, no inicio da 75ª Asemblea Xeral da ONU (Nacións Unidas)

"Non hai outra organización global coa lexitimidade, co poder de convocatoria e co impacto normativo das Nacións Unidas. Ningunha outra organización global dá esperanza a tantísima xente", reza parte da declaración aprobada pola Asemblea Xeral da ONU para marcar o seu 75º aniversario.

Os 193 Estados membros participan estes días na sesión inaugural cos discursos de cada un dos seus líderes, que este ano por motivo da pandemia foron pregravados. Hoxe rematan os parlamentos e durante mañá e o sábado desenvolverase o debate xeral. Posteriormente, na vindeira semana, terán lugar tres cimeiras de alto nivel: a primeira, sobre biodiversidade; a segunda, para conmemorar os 25 anos da Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller; e a terceira, sobre o desarmamento nuclear.

Bolsonaro, con Trump

A 75ª Asemblea Xeral comezou co tradicional discurso inaugural do Brasil, que abre a quenda de intervencións desde 1955. Membro fundador das Nacións Unidas, o país xogou historicamente un importante rol na organización. Por exemplo, o ex ministro e diplomático brasileiro Oswaldo Aranha foi quen presidiu a primeira sesión especial da Asemblea Xeral e a segunda ordinaria.

O actual presidente brasileiro, Jair Bolsonaro, defendeu as políticas para protexer o Amazonas e afirmou que o Brasil é vítima de "uma das mais brutais campanhas de desinformação sobre a Amazônia e o Pantanal".

"A Amazônia brasileira é sabidamente riquíssima. Isso explica o apoio de instituições internacionais a essa campanha escorada em interesses escusos que se unem a associações brasileiras, aproveitadoras e impatrióticas, com o objetivo de prejudicar o governo e o próprio Brasil", dixo. O país "desponta como o maior produtor mundial de alimentos e, por isso, há tanto interesse em propagar desinformações sobre o nosso meio ambiente", engadiu.

Ademais, pediu combater a "cristofobia" no mundo, gabou os acordos entre Israel, Emiratos Árabes Unidos e Bahrein, e louvou a Donald Trump e as políticas internacionais do Goberno del.

Trump, contra Xi

Precisamente o presidente dos Estados Unidos foi o segundo en intervir, como é tamén tradicional, dado que é o país que alberga a sede da ONU, na cidade de Nova York. No seu discurso, Trump cargou contra Beijing, a quen acusou de propagar o que chamou "virus chinés" e demandou á ONU que lle faga render contas.

Ademais, defendeu a súa propia xestión da pandemia nos EUA, onde a Covid xa se cobrou a vida de máis de 200.000 persoas. "Levamos a cabo unha feroz batalla contra o inimigo invisíbel", dixo no seu discurso pregravado de menos de sete minutos, onde prognosticou que serán os EUA quen acaben coa pandemia e que o mundo entrará nunha nova era de prosperidade, paz e cooperación sen precedentes. "En tanto que perseguimos ese futuro brillante, debemos facer responsábel a nación que liberou esta praga ao mundo: China", dixo.

Xi non quere pelexa 

A intervención do presidente Xi Jinping chegou pouco despois (antes falou o mandatario turco, Recep Tayyip Erdogan, que pediu un diálogo "sincero" para resolver de forma "equitativa" o conflito no Mediterráneo con Grecia sen o "acoso" de Occidente). 

En ton máis conciliador, Xi chamou a mellorar a cooperación para superar a pandemia, e salientou que China non ten intención ningunha de pelexar "nin unha Guerra Fría nin unha quente" con ningún outro país.

"China é o maior país en desenvolvemento do mundo, un país que está comprometido coa paz e co desenvolvemento aberto, cooperativo e común", comentou, ao tempo que pediu rexeitar os intentos de politizar a pandemia. O vídeo de Xi foi presentado polo embaixador da China ante a ONU quen, en referencia ás palabras de Trump, denunciou o "unilateralismo" e o "bullying" e negou as "acusacións sen ningún fundamento".

Na primeira rolda de intervencións, alén do Brasil, dos EUA, de Turquía, e da China, interviñeron ─por orde─ Chile, Suráfrica, Cuba, Rusia, Xordania, Corea do Sur, Qatar, Filipinas, o Irán e Francia. E de tarde (horario local), Colombia, Turkmenistán, Exipto, Taxikistán, México, o Uruguai, Seychelles, Ruanda, Angola, a Arxentina, Letonia, Lituania, Nixeria, Costa Rica, Sri Lanka, Indonesia, o Perú e o Congo.

Os máis pequenos tamén alzan a súa voz

Entre as intervencións dos países máis pequenos, Costa Rica por exemplo propuxo un fondo económico para a reconstrución financiado polos países ricos. E o Congo pediu a cancelación da débeda externa dos países en desenvolvemento para facer fronte ao coronavirus. O presidente de Cuba, Miguel Díaz-Canel, cargou contra a "insensata" carreira armamentística no mundo e dixo que a máxima do seu país, parafraseando as palabras do ex presidente Fidel Castro, era "médicos e non bombas".

Na súa intervención, o secretario xeral da ONU, António Guterres, destacou as luces e as sombras destes 75 anos da ONU, creada tras a Segunda Guerra Mundial. "Nunca na historia moderna pasaron tantos anos sen unha confrontación militar entre superpotencias". Ademais, logrouse reducir a fame e a pobreza, erradicar enfermidades e asistir millóns de vítimas de conflitos e desastres, afirmou, mais advertiu que a pobreza está volvendo aumentar e o odio a se espallar. A desigualdade entre sexos ─"o maior reto para os dereitos humanos no mundo"─ permanece, e a emerxencia climática ou o colapso da biodiversidade ameazan a vida no planeta, dixo. 

Comentarios