Trump acusa os musulmáns de non informar as autoridades de xente como o asasino da matanza de Orlando

O candidato republicano afirma que os servizos de intelixencia teñen que intensificar control nas mezquitas e na comunidade árabe dos EUA

Donald Trump EUA
photo_camera Donald Trump

A Donald Trump pódeselle acusar de moitas cousas mais non de ser impredecíbel. Apenas pasaron 24 horas da matanza homófoba de Orlando e o candidato republicano (non precisamente coñecido polo seu respecto cara a outras orientacións ou identidades sexuais diferentes da hetero) xa aproveitou para levar a auga ao seu muiño. Trump culpou a comunidade musulmán dos Estados Unidos de non informar as autoridades sobre persoas como Omar Mateen, o responsábel do asasinato nunha discoteca gay de 51 persoas e ferir outras 53.

En declaracións á CNN recollidas por Reuters e citadas por diversos medios europeos, Trump afirma que Mateen era coñecido pola comunidade musulmán como unha persoa violenta. “Moitas persoas que o coñecían sabían que era un atolado... que algo como isto podería acontecer”. Porén, dixo Donald Trump na conversa telefónica coa cadea, “por algunha razón, a comunidade muslmán non informa sobre xente así”. O republicano afirmou que se precisa máis esforzo dos servizos de intelixencia: “Temos que mirar nas mezquitas e temos que mirar nas comunidades” (musulmáns)”, dixo. “Creáme, a comunidade coñece as persoas que teñen potencial de estoupar”.

Precedentes

Non é a primeira vez que Trump bota a lingua a pacer cando fala de musulmáns. En decembro pediu prohibir de forma “total e completa” a entrada de persoas desta relixión en Estados Unidos. Unhas declaracións que tiveron a resposta de Malala, a premio Nóbel da Paz 2014, que dixo que eran afirmacións “cheas de carraxe” que só implicarían “radicalizar máis os terroristas”. 

Comentarios