Trump, sobre Afganistán: "Non direi cando imos atacar, mais atacaremos"

Concorreu ás eleccións coa promesa de se retirar de Afganistán, mais lonxe de o facer o presidente dos EUA anuncia o envío de máis tropas para combater as milicias talibás. Afirma que o fai porque o convenceron os seus asesores de seguranza. E non desbota que ao futuro goberno afgá, nun escenario post-bélico, se incorporen "elementos dos talibáns".

Donald Trump EUA
photo_camera O presidente dos EUA

O Trump que ía mudar algunha das orientacións da política exterior norteamericana, a súa retórica isolacionista, pasou a mellor vida. Ficou na campaña eleitoral. El propio admitiuno esta segunda feira nunha conferencia de imprensa. "O meu instinto orixinal era retirarnos [de Afganistán]. E, en xeral, gosto de acompañar os meus instintos. Mais toda a miña vida escoitei que as decisións son moi diferentes cando te sentas no Despacho Oval", afirmou para xustificar a súa rectificación.

Trump enviará mais tropas a Afganistán, mais afirma renunciar a mudar a forma en que se goberna o país. "Non voltaremos a construír nacións. Imos matar terroristas", dixo. A coherencia non costuma ser a norma no seu discurso, así que a seguir enviou unha clara mensaxse ao goberno de Kabul: o envío de novos soldados non é "un cheque en branco" e Washington agarda "reformas reais, avances reais e resultados reais».

A superpotencia imperial xa pensa nun escenario post-bélico e nesa perspectiva Trump avanzou que, gañada a guerra, non vería con maos ollos que ao goberno afgá se incorporase "algún elemento talibán". Nada excesivamente surprendente, se temos en conta a alianza que nos anos 70 do pasado século Washington estabeleceu coas milicias islamistas que combateron o goberno comunista do país e o seu aliado, a Unión Soviética.

Trump tamén puxo no albo das súas críticas Pakistán, a quen acusou diretamente de dar acubillo aos talibáns: "Pagamos miles de millóns de dólares, mentres albergan os mesmos terroristas que estamos a combater. Isto ten que mudar e mudará de imediato".

Comentarios