Trump, acabará mandato o antipresidente?

Os escándalos ocupan o groso da axenda política norteamericana. Malia acabar de cumprir só un ano á fronte do despacho oval, Donald Trump fica asediado por importantes polémicas e unha investigación federal. Embora, o comandante en xefe dos EUA continúa a solidificar a súa base de apoio social teimando nun discurso xenófobo e chauvinista, e apostando no músculo militar fronte a diplomacia. Eis un extracto da peza publicada no Sermos Galiza 285.

[Imaxe: VtactualCOM] Donald Trump.
photo_camera [Imaxe: VtactualCOM] Donald Trump.

5Na política norteamericana Donald Trump vén ocupar o lugar do antipresidente. Un empresario millonario que sen experiencia política, e cun discurso demagóxico, inzado de soflamas xenófobas e machistas, logra mediante unha inesperada vitoria electoral converterse en comandante en xefe da maior potencia mundial. A vehemencia e belicosidade política do actual presidente logra manter un clima de conflito e polarización que, malia o desgastar, en termos xerais galvaniza e solidifica unha importante base social. A mesma que fixo posíbel que un personaxe das características de Donald Trump lograse o apoio de case a metade do electorado e que manteña a fidelidade de case 90% dos que votaron por el. Un éxito, sobre todo ideolóxico, que, porén, non logra eximilo do risco real de non rematar o seu primeiro mandato.

Estas primeiras semanas do ano II da ‘Era Trump’ visan que esa ameaza é real. Os escándalos e as polémicas son unha constante que ocupan practicamente todo o espazo da axenda política, marcada pola ausencia de grandes plans e un perfil executivo moi baixo. O despacho oval é o ollo dun furacán que non parece disposto a se disolver, alimentado por un continúo ronsel de escándalos, poñendo en xaque a propia institucionalidade da Presidencia.

[Podes ler a análise íntegra no número 285 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios