Trinta e catro anos despois comeza o xuízo polo asasinato de Thomas Sankara

O ex-presidente de Burkina Faso converteuse nun símbolo do panafricanismo e do anticolonialismo

 

sankara

Un xulgado militar de Burkina Faso inicia estes días un xuízo que chega con trinta e catro anos de atraso. O asasinato do presidente Thomas Sankara o 15 de outubro de 1987, fusilado polos militares na residencia presidencial nun sanguento golpe de estado.

A xustiza do país decidiu reabrir a investigación en febreiro de 2020, tras a desclasificación por parte do Estado francés de documentos da conspiración. Crese que detrás do golpe estaban o Estado francés, Costa de Marfil, a "Françafrique" (como se designa a relación neocolonial de Francia coa súas ex colonias), Libia e posiblemente mercenarios do liberiano Charles Taylor e a CIA.

En total, hai catorce acusados. O principal acusado é Blaise Compaoré, entón ministro de Estado e teoricamente mellor amigo de Sankara, que asumiu a presidencia de Burkina Faso despois do golpe de estado. Está acusado de atentado contra a seguridade do Estado, complicidade no asasinato e ocultación de cadáveres

Sankara converteuse nun símbolo do panafricanismo e da loita contra o colonialismo. Coñecido como o Che africano, este revolucionario gobernou entre 1983 e 1987, anos nos iniciou unha importante transformación social e cultural en África: loitou contra a desertificación: plantáronse dez millóns de árbores en quince meses. A taxa de escolarización pasou do 6% ao 22%, promoveu grandes campañas de vacinación e mellorou a situación das mulleres: prohibiu a ablación xenital e a poligamia e incluíu algunhas no goberno.

En 2016 o Instituto de Ciencias Forenses "Luis Concheiro", da Universidade de Santiago de Compostela, fundado por Anxo Carracedo. analizou uns retos que se crían que podían ser de Sankara. 

Todas estas políticas fixéronse sen a axuda de ningún poder e, de feito, en 1987 propuxo nunha cimeira da Organización da Unidade Africana unha unidade para non pagar a débeda externa. O obxectivo era acabar cunha relación dependente co resto do mundo, principalmente co Estado francés.

Golpe de estado

Compaoré gobernou desde o golpe que derrocou e asasinou Sankara, revogando as nacionalizacións feitas por Sankara e anulando as políticas que impulsara. Nun sentido similar, na política internacional renunciou a calquera pretensión de acabar co neocolonialismo, de crear un movemento panafricanista ou de transformar as relacións norte-sur. O cambio de réxime contou coas simpatías da antiga potencia colonial, Francia.

Gobernou durante décadas até que tivo que fuxir a Costa de Marfil en 2014, coa axuda do exército francés, tras unha vaga de protestas contra a súa intención de modificar a constitución para optar a unha nova elección.

A familia de Sankara levaba trinta e catro anos buscando xustiza, pero o goberno de Compaoré bloqueou calquera solicitude de exhumación dos restos, que foran desmembrados e enterrados nunha sepultura anónima.

Artigo orxinal de A. Solano en Vilaweb

Comentarios