O Tribunal de Xustiza de Euskadi permite reabrir a hostalaría

A decisión xudicial converteu Euskadi en 'trending topic' e aporta opcións a outros colectivos do empresariado, como os da propia Galiza. Asociacións galegas recoñecen que é algo "positivo" pero que non solucionaría a forte crise actual.
Concentración das hosteleiras vascas. (Foto: H. Bilbao / Europa Press)
photo_camera Concentración das hosteleiras vascas. (Foto: H. Bilbao / Europa Press)

Euskadi converteuse hoxe nun dos temas do momento (trending topic) na plataforma social Twitter após transcender que a Xustiza do país da a razón ao sector hostaleiro e permite abrir aos locais a pesar do decreto que impuxo o fechamento pola evolución do coronavirus.

Moitas foron as persoas que analizaron a situación nas redes, pero vai máis alá de ese foro de debate para implicar un precedente para un sector que se sinte especialmente prexudicado polas decisións das Administracións públicas.

Sen ir máis lonxe, as protestas, reivindicacións e peticións de axudas, sumadas ás advertencias de todo o traballo que se vai perder, non cesan na Galiza. Polo tanto, o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi ante un recurso de varias asociacións do empresariado pola obriga de fechar pode levar a idéntica estratexia no país.

A sentenza existente decreta a suspensión cautelar da decisión administrativa que obrigou a paralizar a actividade hostaleira no territorio.

A Sala do Contencioso Administrativo entende que, con restricións de capacidade e medidas sanitarias, este ámbito de traballo “non parece un elemento de risco certo e grave para a saúde pública”.

"Relaxación" polo Nadal

Na súa petición, as entidades que agrupan ao sector destacaban que non eran culpábeis do aumento dos contaxios, senón que esa rateo ascendente da Covid-19 tiña relación coa “relaxación” das medidas para as datas do Nadal.

O fallo xudicial, contra o que cabe recurso, entra en vigor de forma urxente, polo que bares, mesóns e restaurantes poderán abrir de novo mañá. Os negocios manterán, aínda así, moitas limitacións.

O punto de vista galego

Algunhas asociacións galegas reaccionaron a este fallo cualificándoo de positivo, mais non pensan que abrir mañá solucionase os problemas económicos que arrastran tras meses de fechamentos ou limitacións.

Fontes da agrupación Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) preparan a súa propia estratexia xudicial pero lembran que a lexislación "non é a mesma" en Euskadi e na Galiza e, por iso, o camiño que queren seguir é outro. Falan tanto de demandas individuais como dunha colectiva.

Pola súa parte, Lois Lopes, de Hostelería Compostela, lembrou que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) xa tombou un recurso similar ao vasco hai meses.

Comentarios