O Tribunal Supremo inhabilita Quim Torra como presidente da Generalitat

Decisión adoptada por unanimidade dos 5 maxistrados. O cesamento do president será firme cando sexa publicado no BOE. 

O president de Catalunya, Quim Torra, no Parlament (Imaxe;: David Zorrikano / EP)
photo_camera O president de Catalunya, Quim Torra, no Parlament (Imaxe;: David Zorrikano / EP)

A Sala do Penal do Tribunal Supremo inhabilita o presidente da Generalitat,  Quim  Torra, por unanimidade. A decisión tomouse sen discrepancias por parte dos cinco maxistrados que examinaron o recurso de  casación de Torra.

Desta maneira, o Supremo confirma a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSXC) de condenar o presidente da Generalitat a un ano e medio de inhabilitación para exercer un cargo público.

O TSXC é quen ten que executar a sentenza. E o TSXC xa notificou a sentenza contra o president tras recibir a comunicación do Tribunal Supremo españole asegura que a inhabilitación de Torra é de aplicación inmediata desde hoxe, menos de dúas horas despois que o Tribunal Supremo rexeitase o recurso.

O  TSXC considerou acreditado que  Torra negouse de maneira "contundente, reiterada,  contumaz e  obstinada" a acatar as ordes da Xunta Electoral Central ( XEC) de retirar dos edificios oficiais da Generalitat os lazos amarelos e as pancartas que facían referencia á liberdade dos presos políticos. Segundo a  XEC, a mensaxe destas pancartas ten un significado "partidista e inadmisíbel en período electoral" e non respecta o "principio de neutralidade" deste período.

Segundo apontan medios cataláns nestes días, JxCat, ERC e a CUP estiveron traballando nas últimas semanas para acordar unha resposta ante este escenario. Os republicanos pediron un consenso sobre a data das eleccións para que os prazos non sexan fixados polo Tribunal Supremo. 

Omnium e a ANC convocaron concentracións ás sete da tarde diante dos concellos de todo o país en resposta á inhabilitación. En Barcelona, ​​a concentración será na praza de Sant Jaume. Ambas as dúas entidades denunciaron a resolución do Tribunal Supremo. "A inhabilitación de Torra é un grave ataque ao autogoberno de Cataluña", dixo a entidade que preside Jordi Cuixart.

Valoracións da decisión

O expresidente da Generalitat Carles Puigdemont enviou o seu apoio a Quim Torra. "Un estado corrupto desde a Coroa até o poder xudicial segue decidindo en nome dos cataláns", dixo.

O ex-vicepresidente Oriol Junqueras dixo que a sentenza  é un "novo ataque xudicial do Tribunal Supremo e do Estado contra a democracia e as institucións catalás", asegurando que a represión contra a independencia "non ten parada". 

O deputado da CUP no Congreso, Albert Botran, cualifica a inhabilitación do presidente Quim Torra de "golpe xudicial contra a democracia". Botran di que "o poder xudicial, o que adoutrina as novas promocións con arengas para o rei e para a unidade de España, é o que acaba de inhabilitar un presidente elixido democraticamente". "Por unha pancarta", engadiu.

De por parte, a presidenta do PSOE, Cristina Narbona, considerou que a inhabilitación do president Torra "abre un novo tempo para Cataluña" e que agora o que debe haber son eleccións. 

A líder de Cs, Inés Arrimadas, di que coa inhabilitación faise "xustiza" e "gaña a liberdade".

Comentarios