venres 23/07/21

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos investigará se os mozos de Altsasu tiveron acceso a un xuízo xusto

No mínimo as defensas de 2 dos procesados recibiron a notificación de Estrasburgo.

Tribunal Europeo de Dereitos Humanos
Tribunal Europeo de Dereitos Humanos

O TEDH de  Estrasburgo estudará, no mínimo, os recursos presentados por 2 das defensas dos 8 mozos e mozas de  Altsasu que foron xulgados e condenados por unha lea nun bar desa localidade navarra con dous gardas civís e as súas parellas. O resto de avogados, até o de agora, mañá desta terza feira,, non recibiu notificación en sentido algún.

As avogadas de Jokin Unamuno e Ainara  Urkijo, que son quen polo momento recibiron a confirmación de que o proceso avanza, protestaron ante o  TEDH pola vulneración do dereito a un proceso xusto. Nese sentido, lembraron a denegación de probas, as irregularidades nos recoñecementos ou a duplicidade do procedemento xudicial nos seus inicios.

Do mesmo modo, recorreron ante a xustiza europea alegando a vulneración do dereito a un xuíz imparcial, recurso que realizaron todas as defensas, polo que é previsíbel que as demais sigan o mesmo camiño.

Nos primeiros pasos do caso na Audiencia Nacional, as defensas dos 8 mozos e mozas xa pediron a abstención e a recusación da xuíza Concepción  Espejel, ao entender que non podía ser imparcial xa que estaba casada cun coronel da Garda Civil e foi condecorada por ese corpo militar.

Con todo, aquela recusación non tivo ningún tipo de percorrido, xa que a propia  Espejel considerou “extemporánea” a petición e dixo que se presentara fóra de prazo, sendo así ela a encargada de rexeitar a súa propia recusación.

Os recursos, presentados o pasado mes de xaneiro, baseábanse pois na falta de acceso a un xuízo xusto, e é que as denuncias de irregularidades e de falta de neutralidade foron constantes durante todo o proceso e chegaron desde diversos sectores políticos.

O alcalde de  Altsasu, Javier  Ollo cualificou de “desproporcionadas” as penas impostas polo Supremo, EH  Bildu asegurou que o castigo confirma unha “aberración política” e augurou que Estrasburgo “volverá dar, nuns anos, un novo tirón de orellas á Xustiza española”, Podemos  Navarra tachou no seu día a sentenza de “tolemia”, Esquerda- Ezkerra cualificou o proceso de “despropósito”…

comentarios