O Tribunal Constitucional consuma o veto a Otegi

A Sala Primeira do Tribunal Constitucional, presidida por un militante do PP, inadmitiu a trámite o recurso de EH Bildu. Otegi non poderá ser candidato. Porén, será o rosto da campaña da esquerda abertzale.

2016-09-06, Donostia. EH Bilduren Gipuzkoako zerrendaren aurkezpena, Arnaldo otegi eta Maddalen Iriarte irudian eta atzean zerrendakideak

06-09-2016, San sebastián. Presentación de la candidatura de Gipuzkoa de EHBildu, Aranaldo Otegi y Maddalen Iriarte en primer plano y detrás los candidatos
photo_camera

Do ponto de vista formal non será candidato nen poderá tomar posesión da súa acta de parlamentar, mais materialmente Otegi -que reaxiu á decisión do TC através de Twitter- será o grande reclamo da campaña de EH Bildu ao Parlamento de Gasteiz.

A Sala Primeira do TC está presidida por un militante do Partido Popular e nela teñen maioría os maxistrados conservadores, así que ninguén na dirección da esquerda abertzale agardaba un fallo distinto ao emitido polo alto tribunal. En todo caso, si que sorprendeu que o tribunal inadmitise a trámite o recurso, isto é, que nen sequer entrase a valorar o fondo da cuestión.


O TC basea a súa decisión na presunción -non demostrada xuridicamente- de que a decisión da Xunta Eleitoral de Gipuzkoa en virtude da cal Otegi é inelixíbel non viola os seus dereitos fundamentais.

No auto de inadmisión a trámite do Tribunal recóllese o suposto invocado pola Xunta Eleitoral de Gipuzkoa -a inelixibilidade de Otegi, a privación do seu direito ao sufraxio pasivo por espazo de 10 anos (até 2021).

De acordo coa defensa de Otegi -e xuristas de prestixio como o propio presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi, Luis Carpasoro-, esa pena de inhabilitación, ao ser accesoria á principal, tería caducado no momento en que o fixo esta, cando o líder da esquerda abertzale abandonou a prisión o 1 de marzo de 2016.

Porén, o TC argumenta que na liquidación de condena de Otegi dictada en 2013 se recollía que a inhabilitación ficaría en vigor até 2021 sen que EH Bildu apresentase nengún recurso contra esa providencia.

A defensa de Otegi alega que non era preciso apresentar recurso nengún porque a liquidación de condena non é unha sentenza e por que non ten valor legal para eliminar o carácter accesorio á pena.

No ordenamento xurídico español, contra esta inadmisión a trámite non cabe recurso. Si pode apelar Otegi ao Tribunal Europeu de Direitos Humanos, mais Estrasburgo acostuma demorar meses na tramitación das causas que se lle formulan. De lle dar a razón ao líder da esquerda abertzale ninguén poderá reparar a violación dos seus dereitos e o dano que se inflixe ao independentismo vasco.

Comentarios