Tres activistas curdas asasinadas en París en plena negociación entre Ankara e Ocalan

Tres activistas curdas foron mortas a tiros en París a pasada madrugada. O ministro de Interior francés, Manuel Valls, cualificou o facto de "execución".

As vítimas son Sakine Cansiz, unha das fundadoras do PKK (Partido dos Traballadores do Curdistán); Fidan Dogan, representante do Congreso Nacional do Curdistán, cuxa sede se acha en Bruselas; e Leyla Soylemez, do Centro de Información do Curdistán na capital francesa. A identidade destas persoas foi revelada polo sitio web Actukurde.fr.

Uns amigos das tres vítimas acharon os corpos sen vida das activistas, cun tiro na cabeza, na sede do Centro de Información do Curdistán.

O crime produciuse arredor das 3 da madrugada e os disparos foron realizados con silenciador.

O triplo asasinato cométese en plena negociación entre o goberno turco e o fundador do PKK, Abdul·lah Ocalan.

A Federación de Asociacións Curdas de Franza convocou a todos os curdos que residen en Europa a se manifestaren en París en repulsa por este brutal atentado terrorista.

Comentarios