CRÓNICA/SERMOS EN CATALUNYA (IV)

Tránsfugas e ex presidiarios

E con el chegou o escándalo. Chámase Albano Dante Fachín e aínda que o do artigo 155 non é para bromear, podería dicirse que el tamén foi vítima da súa aplicación, en versión regulamento interno, en rexistro Podemos. A súa irrupción en campaña era un segredo a voces. Comezou esta terza feira nun acto de ERC e continuará do lado da CUP. Xa non pertence á formación morada, pero haberá quen vexa nel todo un tránsfuga. Pero que mellor para acabar de completar a excepcionalidade destas eleccións? 

fachin
photo_camera Fachín e Romeva

Agora si, xa estamos todos! Todos os personaxes e todos os ingredientes do que, agardemos que co tempo, a historia cualifique de maior atentando contra o estado de dereito que padeceu España dende o 23 F.

Represión policial, xustiza ad hoc, presos políticos, disolución da autonomía, presidentes no exilio, candidatos na cadea, intervención da radio e televisión públicas, eleccións convocadas polo presidente do Estado e até cores prohibidas pola Xunta Electoral! 

IMG-20171213-WA0013

Algúns dxs presos puideron saír, non por boa conducta, precisamente, senón previo pago de cuantiosas fianzas, o que os converte, imaxino, en ex-presidiarios. Véxase o caso de Raül Romeva, que esta terza feira, non contento cos días vividos no talego, decidiu seguir a comportarse como un auténtico convicto, ousando participar en dous actos do seu partido, ERC, un con Fachín -o tránsfuga- e outro para explicar as 50 medidas coas que pretenden Facer República “en positivo” se gañan o 21D e continuar a senda emprendida após o mandato dos cidadáns o 1 de Outubre; é dicir, camiñar cara unha auténtica “soberanía da xente”. 

Violencias machistas

 

Esta, no mínimo, é a intención manifestada pola número 2 da candidatura, Marta Rovira, durante o dito acto. Unha muller que, xunto aos seus compañeiros, foi dando conta con argumentos e dados desas 50 propostas nas que se resume o programa de Esquerra, e fíxoo sen apenas mirar o papel nin repetir lemas nin argumentarios. Segura, afábel e solvente, non sei se por xogar en casa ou porque realmente o é. Así, cando menos, se amosou ante público e xornalistas; por tanto, cecais sería un bo momento para pedir un pouco máis de rigor e deixar de destrozala coa publicación de certos perfís. Conste que o máis grave non é tan siquera este tipo de artigos típicos e tópicos xa de calquera campaña, previsíbeis mentres o machismo e o clasismo segan sendo o pan noso de cada día. Non pensaba nin citalas, as chorradas sobre se Inés Arrimadas é máis ou menos follable ou se a xente da CUP precisa mellorar a súa hixiene –Albiol dixit en entrevista radiofónica sobre os independentistas- Pero a ecuación Salvados-Domènech-Évole-Iglesias non me deixa máis alternativa que sacar o tema.

A ecuación Salvados-Domènech-Évole-Iglesias non me deixa máis alternativa que sacar o tema

Que un seudoxornalista que se cre moi graciosete aproveite o seu espazo nunha maqueta para ter o seu minuto de gloria, consciente, ademais, de que nestes tempos todo o que teña a ver con caca, cú, peido, pis vai ser inmediatamente viral, é triste e certamente irresponsábel. Pero que un compañeiro, un candidato doutra formación e mesmo o líder desa formación, en connivencia cun dos xornalistas/cadea supostamente máis rigurosos e ecuánimes deste país, furguen nunha ferida para facer dela case todo o discurso de campaña non só amosa que van faltos de ideas, senón que denota que o da “feminización da política” é un traballo que deixaron só para as tías podemitas. Por non falar da memoria de peixe, ou é que ninguén lembra xa aquel cara a cara entre Albert Rivera e Pablo Iglesias no que Iglesias saíu noqueado, desapareceu de feito durante varios días e a formación saiu ao paso dicindo que o líder estaba canso?

Transfuguismo ou coherencia?

 

Descoñezo que pensou Fachín naquel momento, cando aínda era ou ía ser secretario xeral de Podemos en Cataluña e descoñezo o que opina agora sobre este caso particular. Sei que cómpre ser xustos e o problema coa súa formación ten a ver con máis cousas que coa posición perante o procés, pero esta última foi a gota que colmou un vaso que á forza tiña que rebordar. Xorden serias dúbidas, porén, sobre se esa forza, de máis de 4.000 inscritos e inscritas -un récord de participación nas votacións telemáticas de Podemos- é real ou “virtual”. Non hai probas empíricas para cuestionalas; o que si é unha verdade irrefutábel é que Dante e Iglesias chocaban respecto de Catalunya e que a suposta autonomía que teñen os territorios lilas foi aplacada dende a estatal coa mesma contundencia, axilidade e firmeza coa que se aplicou o 155 dende o goberno do Estado.

IMG-20171213-WA0008Orfo de siglas, con bo criterio decidiu demostrar a coherencia co seu discurso sobre a cuestión catalá e posicionarse no único lugar onde se poden posicionar os demócratas, no bloque dos soberanistas. Logo, facelo, dar o teu voto a un partido ou outro, xa ten a ver con moi distintos factores. Porque non se trata, como lembrou moi ben na súa intervención, de independencia. Podemos é quen está a forzar a moitos non independentistas a decantarse por unha destas formacións, o mesmo que a dereita. 

“Entre porras e votos, defendín as urnas; entre represión ou liberdade, escollín ser libres. Entre pasado ou futuro, escollín República catalá”, afirmou.

Tomba, tomba

 

Mentres o ex líder de Podemos en Catalunya facía estas declaracións, en Madrid: moita Complutense, moito Gramsci, moita campaña para Construír España e o único que están a demostrar, tanto co que fixeron con Podem como coa opción da “equidistancia” ou coa “resignación” ante a opción de poder ser chave, é que seguen sen entender este “País de Países” e que en Catalunya, do que se está a falar, realmente, é de liberdade e dereitos fundamentais, dunha situación de anormalidade democrática que é como unha porta blindada, non hai Deus que a abra nin coas chaves de San Pedro. Ou a tombas ou quedas atrás.

Dáme lástima Xavi Domènech, porque me parece un bon tío; de feito, se isto fose unha representación de It's a wonderful life (Que bello es vivir na versión españolacreo que sería a personaxe máis merecedora das ás e da campaíña coas que felizmente remata a película, pero: fútbol é fútbol e política é política.

Se lembrades o filme, aproveitando que falamos del, hai unha escena na que os protagonistas apañan unha curda considerable e cantan, en tradución á versión española que imaxino vimos un cento de xeneracións:

“Bufalo no puede dormir, no puede dormir, no puede dormir

Búfalo no puede dormirrrrrrrr” …. 

Vénme agora á cabeza porque non me parece xusto nin moi profesional cargar tanto as tintas sobre tránsfugas, tacticistas e ex presidiarios e non dicir res sobre os verdadeiros delincuentes. Eses que hai días, como xa contamos na crónica anterior, frivolizaban coas semellanzas entre os efectos de beber cava e a aplicación do 155. 

IMG-20171213-WA0006Hoxe había festa no Congreso con motivo do Nadal. Rajoy, en troca, preferiu acudir ao chamado do seu candidato, Xabier Albiol, e vir visitar as adegas de Freixenet. Si, as do cava. E até aquí podo ler, que eu non estou acreditada na caravana do PP. 

Se Rajoy volve berrar aquilo de: Que viva el vino! ou a partir de agora se decanta por un Felises Fiestas! ficará de seguro na intimidade. Do que non hai dúdida é de que a borracheira será o único efecto que terán sobre o seu cargo e súa persoa os efectos do 155 dos que fala Albiol. Pois nin a el nin a moitos dos seus compañeiros de partido, implicados nese sinfín de tramas polas que deberían de dar contas, imos velos, como os inocentes, co traxe de raias arrastrando a bóla negra da súa condena.