Os trámites dos indultos do 'procés' comezarán para a semana

No marco da sesión de control ao Goberno no Congreso español, o ministro de Xustiza confirmou que os trámites dos indultos para as e os presos políticos condenados polo 'procés' iniciarán a semana que vén. En 2019 resolvéronse 4.162 expedientes, dos cales 4.123 foron indultos denegados e  só 39 concedidos (0,94% do total).
Oriol Junqueras, líder de Esquerra, nunha imaxe de arquivo, declarando no xuízo do procés.
photo_camera Oriol Junqueras, líder de Esquerra, nunha imaxe de arquivo, declarando no xuízo do procés.

O ministro español de Xustiza, Juan Carlos Campo, anunciou esta cuarta feira, 23 de setembro, na sesión de control ao Goberno no Congreso que os indultos para as presas e presos políticos cataláns condenados no xuízo do 'procés' comezarán a tramitarse a próxima semana.

"Este Ministerio (...) tamén está a tramitar os indultos. Por certo, eses que a vostede preocupan empezarán a tramitarse a semana que vén", dixo Campo en resposta ás preguntas da voceira de Junts per Catalunya, Laura Borràs, nun debate no Congreso sobre "a deriva" da xustiza española.

As peticións de indulto afectan todas e todos os presos do 'procés' debido á solicitude efectuada polo avogado Francesc Jufresa. Despois desta, sumáronse outras como a rexistrada por tres ex presidentes do Parlament catalán en prol de Carme Forcadell ou a cursada polo sindicato UXT en favor da súa integrante e ex conselleira Dolors Bassa. 
As solicitudes de indulto deben ser sometidas a informe do tribunal sancionador, neste caso o Supremo, debendo ser ouvido previamente o Ministerio Fiscal.

O número de indultos aceptados polo Estado español en 2019 non superou 1% (39 concedidos) do total de solicitudes cursadas, mentres que 4.123 foron denegadas. Segundo a lexislación española os indultos poden ser totais, contemplando a remisión das penas ás que unha persoa fose condenada, ou parciais. Esta segunda modalidade contempla a diminución dunha ou varias  penas impostas. A concesión final compete ao rei de España, a proposta do Ministerio de Xustiza e previa deliberación do Consello de Ministros, e debe acordarse mediante Real Decreto.

O trámite pois é longo e non alberga grandes esperanzas de partida para as e os condenados. Xa se encargou de advertilo Campo en resposta ao líder do PP, Pablo Casado, que cualificou o anuncio de "prezo a pagar" polo Goberno español na negociación dos Orzamentos Xerais do Estado. O ministro respondeu que como responsábel de Xustiza é a súa "obriga" dar trámite ás peticións presentadas e animou Casado a agardar a ver que decide o Consello Ministerial. 

Torra acusa o tribunal de escribir a súa sentenza antes de xulgalo

O president da Generalitat, Quim Torra, acolleuse onte ao dereito de non declarar ante o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSXC) argumentando que a sentenza "xa está tomada" en contra del e cualificando a causa "dun novo proceso de persecución política contra o independentismo". Torra acudiu ao TSXC acusado de desobediencia debido á colocación de dúas pancartas no balcón da sede do Govern en apoio ás e aos presos políticos condenados polo 'procés'.

Esta vista tivo lugar mentres o Tribunal Supremo está pendente de decidir se o inhabilita para a Presidencia polo mesmo delito: pendurar unha primeira faixa en apoio das e dos presos. O diario catalán Ara adiantaba onte que o Supremo ten previsto pronunciarse sobre a inhabilitación de Torra a vindeira segunda feira, 28 de setembro.
 

Comentarios