domingo 19/09/21

A trama de José Luis Moreno movía un millón de euros cada 15 días

O informe remitido pola Policía Xudicial á Audiencia Nacional revela a metodoloxía da trama liderada por José Luis Moreno, que se encargaba de branquear beneficios procedentes do narcotráfico mentres estafaba entidades bancarias cun organigrama que comprendía até 130 empresas pantalla sen actividade real.
José Luis Moreno sae do xulgado o 4 de agosto en Madrid. (Foto: Europa Press)
José Luis Moreno sae do xulgado o 4 de agosto en Madrid. (Foto: Europa Press)

“Unha organización criminal moi activa con gran mobilidade, con moitas ramificacións, e que opera tanto a nivel estatal como internacional”, así define a Policía Xudicial a trama na que participaba José Luis Moreno, o produtor de televisión detido na Operación Titella.

De feito, o oficio do 21 de xuño remitido o Xulgado Central de Instrución 2 da Audiencia Nacional separa a trama en dúas organizacións. Unha delas, encabezada por Moreno, Antonio Aguilera e Antonio Salazar, comezou en 2017 a cometer “fraudes e estafas a entidades bancarias e investidores privados”, “falsificación de cheques e notas promisorias”, delitos aos que hai que sumar branqueo de capitais.

A outra organización está liderada por Carlos Brambilla, e ten, apunta o documento, “presuntamente como actividade principal o tráfico internacional de drogas”. Esta parte da trama usaba a organización de Moreno para “branquear os cartos” que proveñen do narcotráfico

Grandes cantidades de diñeiro en efectivo

O persoal de investigación da Policía Xudicial sospeita que a trama movía “grandes cantidades de diñeiro en efectivo de maneira regular, aproximando estas cantidades ao millón de euros cada 15 ou 20 días”.

A Fiscalía da Audiencia Nacional estima en 85 millóns de euros os cartos presuntamente estafados a distintas sucursais bancarias pola trama dirixida por Moreno.

O volume dos movementos económicos da trama foi constatado durante a investigación, “como proba diso temos o SMS remitido o 11/11/2020 no que hai unha fotografía na que se aprecia unha cantidade duns 500.000 euros en feixes de billetes”, indican.

Risco de fuga

A Policía Xudicial non descartou até o momento da detención a “existencia de risco de fuga dos investigados se chegasen a ter coñecemento”, nun texto días antes das detencións, debido aos “importantes beneficios” obtidos polos membros da trama. 

O produtor de televisión contaba con 130 sociedades pantalla

Até 130 sociedades espalladas polo Estado para “ocultar e desviar os beneficios obtidos ilegalmente”, formaban parte da trama liderada por José Luis Moreno, desvela o informe da Policía Xudicial, que sostén que na súa maioría non tiñan ningunha clase de actividade real, sendo “administradas por homes de palla”.

Estas sociedades pantalla “permitiron que os verdadeiros administradores permaneceran ocultos e no anonimato, lucrándose con impunidade”, sinala o texto, que detalla que a metodoloxía dos detidos era asinar notas promisorias a conta das sociedades que tiña a trama noutras entidades bancarias, cobrando os fondos “antes de cumprirse o prazo de devolución interbancario”. Deste xeito, conseguían fondos a curto prazo antes de emitir a nota promisoria en favor da seguinte sociedade.
 

comentarios