Torrent, imputado por defender a autodeterminación

A xustiza abre dilixencias contra a mesa do Parlament por permitir o debate.
Roger Torrent, ex president do Parlament de Catalunya. (Foto: Europa Press)
photo_camera Roger Torrent, ex president do Parlament de Catalunya. (Foto: Europa Press)

O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya cita a declarar como imputados para próximo 15 de setembro o ex president do Parlament e conselleiro de Traballo, Roger Torrent, así como os membros da mesa do Parlament na anterior lexislatura, Adriana Delgado, Eusebi Campdepadrós e Josep Costa. O órgano xudicial acúsaos de desobediencia por admitir a trámite e permitir debater no pleno dúas resolucións, en novembro de 2019, en defensa de dereito de autodeterminación, contra a sentenza do Tribunal Supremo polo referendo do 1 de outubro e de reprobación da monarquía.

A primeira das resolucións, aprobada na sesión plenaria de 12 de novembro de 2019, expresaba a vontade do Parlament “de exercer de forma concreta o dereito de autodeterminación e de respectar a vontade do pobo catalán”. O 29 de outubro a mesa admitía a trámite a proposta; o 5 de novembro desestimaba as peticións de reconsideración do Partido Popular, PSC e Ciudadanos e o 12 de novembro sometíaa a debate e aprobación do pleno.

Precisamente, ese mesmo día o Tribunal Constitucional (TC) admitía un incidente de execución polo incumprimento das providencias e notificaba aos afectados o seu “deber” de impedir a iniciativa.

O segundo dos acordos, validado na sesión de 26 de novembro de 2019, recollía que “o Parlament reitera e reiterará tantas veces como o queiran os deputados e as deputadas a reprobación da monarquía”. Ao tempo, afirmaba que “o Parlament reitera e reiterará tantas veces como queiran os deputados e as deputadas a defensa do dereito á autodeterminación e a reivindicación da soberanía do pobo de Catalunya”.

A resolución xurdía dunha iniciativa presentada polas forzas nacionalistas catalás en resposta á sentenza do Tribunal Supremo contra os dirixentes políticos procesados pola súa participación no referendo do 1 de outubro de 2017.

As dilixencias da Fiscalía que dan orixe a esta causa contra a mesa do Parlament de Catalunya toman como referencia dous autos anteriores do Constitucional.

Neste sentido, o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya lembra que “o Tribunal Constitucional declarou nulas con anterioridade resolucións análogas do Parlament de Catalunya” e fixan o deber de “impedir e paralizar calquera iniciativa parlamentaria que supuxese ignorar ou eludir a suspensión acordada”. Na mesma liña, sinala que na sentenza de 17 de xullo de 2019, o Constitucional xa declarara inconstitucionais uns apartados dunha resolución do Parlament, onde se reproba a actuación do rei en relación ao procés.

Comentarios