Torre do Bierzo, primeiro municipio en apoiar a autonomía de León

O Goberno municipal, formado por Coalición por el Bierzo (CB) e a Unión del Pueblo Leonés (UPL), aprobou en pleno unha proposta modificada na que O Bierzo constaría como provincia.

Momento da votación do pleno en Torre do Bierzo (UPL).
photo_camera Momento da votación do pleno en Torre do Bierzo (UPL).

O municipio de Torre do Bierzo converteuse este pasado sábado no primeiro concello do Bierzo que aproba a moción a favor da autonomía de León. Foi a través da realización dun pleno e contou cos votos do equipo de goberno: a Coalición por el Bierzo (CB) e a Unión del Pueblo Leonés (UPL).

A moción presentouna o edil leonesista Melchor Moreno de la Torre e o acordo entre ambas formacións políticas inclúe algunhas modificacións.

A proposta recoñece “a peculiaridade do Bierzo, que podería erixirse nunha provincia máis dentro da Comunidade de León”, aseguran desde a UPL.

Moreno considera que a aprobación é un fito ao unir o leonesismo coa principal formación bercianista. Argumenta que  esta mesma proposta "podería ser asumíbel en calquera concello gobernado por CB", asegura.

Sumáronse 44 concellos

Con este municipio suman 44 os que se adhiren a esta moción na provincia de León e representan un total de 46.78% da poboación.

Desde a Unión del Pueblo Leonés, o seu secretario xeral Luis Mariano Santos, quixo agradecer "a todos os concelleiros e partidos que votaron a favor, máxime nun territorio como O Bierzo onde a Junta sempre tentou dividir para que sexamos menos fortes".

Torre do Bierzo é unha localidade da comarca do Bierzo que conta cun censo de habitantes de 2.714 habitantes, segundo datos estatísticos de 2007.

Comentarios