Conflito catalán

Torra, Puigdemont e catro presidentes e expresidentes do Parlament piden “diálogo” en 'Le Monde'

'La solution à la crise catalane passe par le dialogue, la démocratie et l’autodétermination' é o título da tribuna publicada polo rotativo francés nesta quinta feira, véspera da folga xeral prevista en Catalunya para esta sexta. As sete asinantes piden que se poña en marcha un “diálogo real” coa axuda de “terceiros países”.

lemonde
photo_camera Tribuna publicada nesta quinta feira, 17 de outubro, polo xornal 'Le Monde'

Seis dirixentes presentes e pasados das institucións catalás, entre estes o actual presidente da Generalitat, Quim Torra, e o seu predecesor, Carles Puigdemont, asinan unha tribuna publicada nesta quinta feira polo xornal francés Le Monde na que consideran que a recente sentenza do Tribunal Supremo foi "moi grave" e que, "lonxe de ofrecer solucións á cuestión catalá, só reforza a desconfianza cara a Madrid e serve como pretexto para os radicais".

 

Canda Torra e Puigdemont, asinan o artigo titulado La solution à la crise catalane passe par le dialogue, la démocratie et l’autodétermination (“A solución á crise catalá pasa polo diálogo, pola democracia e pola autodeterminación”) o presidente do Parlament, Roger Torrent, e a ex presidenta e ex presidentes desta Cámara Carme Forcadell, Ernest Benach e Joan Rigol.

As seis argumentan que “ignorar a vontade do pobo catalán, encarcerar os líderes políticos e sociais e apelar os xuíces para resolveren unha cuestión puramente política, como fixo o establishment español até o de agora, é a receita do desastre que vivimos actualmente en Cataluña”.

Ademais, aseguran que UE terá que decidir nos días vindeiros se “defende os principios do dereito internacional” ou se coloca do lado do Estado español e acepta que os membros da Unión “poden violar as liberdades fundamentais”, ao tempo que solicitan que se poña en marcha un “diálogo real” coa axuda de “terceiros países”.

Cómpre salientar que esta pasada cuarta feira foi o ex vicepresidente da Generalitat, Oriol Junqueras, o que analizaba a situación actual en Catalunya nunha tribuna en The Washington Post.

Folga xeral e Marchas pola Liberdade

Por outra banda, esta sexta feira está convocada polos sindicatos independentistas Intersindical-CSC e IAC unha folga xeral en Catalunya en protesta pola sentenza feita pública hai catro días. Nesta mesma xornada, malia non estaren formalmente relacionadas co paro, está prevista a chegada a Barcelona das cinco columnas das Marchas pola Liberdade que partiron de Girona, Vic, Berga, Tàrrega e Tarragona, polo que se prevén cortes de estradas e autoestradas.

Comentarios