Internacional

Torra insta o independentismo a crear un espazo para debater como negociar co Estado

O president da Generalitat pediu "unidade" aos partidos independentistas para que non agrome a "división"
O president da Generalitat, Quim Torra, no Parlament de Catalunya (Europa Press)
photo_camera O president da Generalitat, Quim Torra, no Parlament de Catalunya (Europa Press)

O president da Generalitat, Quim Torra, propuxo este sábado ao independentismo crear un espazo onde se poida debater "que e en que condicións" o Govern pode negociar co Goberno do Estado.

Na súa intervención durante o pleno extraordinario do Parlament catalán como resposta á súa inhabilitación por parte da Xunta Electoral Central (JEC), reclamou aos partidos independentistas "unidade e non deixar agromar o terreo da división", e tamén pediu volver convocar a Asemblea de Cargos Electos para responder á súa inhabilitación.

A proposta de estabelecer este espazo do independentismo púxoa sobre a mesa o ex presidente Carles Puigdemont após de que ERC pactase co PSOE estabelecer unha mesa de diálogo entre Generalitat e Goberno para buscar unha solución ao conflito en Catalunya, aínda que Torra xa dixo que non asume ese pacto postelectoral.

Ademais, Torra pediu á Cámara catalana o apoio á proposta de resolución que presentaron JxCat, ERC e a CUP, que reclama ratificar ao propio Torra como president e, polo tanto, rexeitar a decisión da JEC.

"A proba do algodón"

O president considera que votar a favor desta proposta "non é votar a favor de  Quim Torra, é votar a favor das institucións catalás, da soberanía do Parlament, de respectar a vontade popular e de rexeitar a judicialización".

"Verémolo nas súas votacións, señorías. Porque hoxe pasamos a proba do algodón", advertiu, e insistiu en que a Cámara catalana debe demostrar o seu compromiso coa democracia.

"Toda Europa está a mirar para nós para saber se somos demócratas de verdade, e dignos de chamarnos europeos, ou se non somos máis que iso que a Xunta Electoral Central quere que sexamos", subliñou.

Torra tamén se referiu a Europa para criticar que "a nula calidade da xustiza española é xa un escándalo a escala europea" e para dicir que, segundo el, a imaxe do Estado no resto de Europa está "moi degradada".

Comentarios