O movimento político da presidenta do Congreso

Quim Torra estuda a proposta de Ana Pastor e non desbota ir ao Congreso

Ana Pastor move ficha no taboleiro cunha oferta inesperada, o convite a Quim Torra para que acuda ao Congreso a un debate sobre a situación catalá. É unha xogada sorprendente que decorre dunha circunstancia inédita: o executivo e o lexislativo non están presididos polo mesmo partido por vez primeira desde a segunda restauración borbónica (1978). Nada indica que Pastor pactase este movimento coa Moncloa.

Quim Torra
photo_camera Torra, desde a tribuna do Parlament

"Convido o president Torra a que veña ao Congreso dos Deputados a dialogar co resto de forzas políticas do noso sistema constitucional", dixo no curso dun almorzo informativo Ana Pastor, dirixente do PP próxima á sensibilidade que na súa forza política representarían Mariano Raxoi ou Soraya Sáenz de Santamaría.

Non se sabe ben se se trata dun movimento persoal ou acordado coa cúpula do seu partido, liderado por un executivo, Pablo Casado, do que en principio Pastor se acha distante. En todo caso, é un novo aceno do PP en dirección a propiciar certa distensión con Catalunya, após días atrás desmarcarse explicitamente da retirada de lazos amarelos protagonizada por Albert Rivera e Inés Arrimadas.

E Quim Torra non di en principio que non. O Govern —a resposta deuna a súa portavoz, Elsa Artadi— estudará a proposta de Pastor, aínda moi difusa. "Non sabemos se a idea é facer un monográfico sobre a situación de Catalunya, a falta de democracia e a vulneración de dereitos. Estudarémola en función do que quer [Ana Pastor] propor".

A oferta da presidenta do Congreso chega após esta segunda feira Pedro Sánchez lanzar a idea de organizar un referendo en Catalunya sobre o autogoberno, non sobre a autodeterminación. A luva non foi recollida polo Govern e nese sentido Elsa Artadi argumentou esta terza feira que abrir o debate sobre un Novo Estatut para Catalunya é unha iniciativa que só contaría co respaldo de 17 deputadas e deputados no Parlament, os do PSC.

Comentarios