Torra após falar con Forcadell e Bassa: "Aquí non se detén ninguén, seguiremos até a liberdade de Catalunya"

O ex presidente da Generalitat, Quim Torra, tivo tempo de visitar aos independentistas que están na prisión. No seu primeiro día de actividade despois da súa inhabilitación por parte do Tribunal Supremo, tamén conversou cos líderes soberanistas que fican fóra de España.
EuropaPress_3347753_exconsellera_dolors_bassa_expresidenta_parlament_carme_forcadell
photo_camera Dolors Bassa, Carme Forcadell e Quim Torra no encontro de hoxe en Pedralbes. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

O ex presidente da Generalitat desde esta segunda feira -tras coñecerse a decisión do Tribunal Supremo de inhabilitalo-, Quim Torra, reuniuse hoxe coa ex presidenta do Parlament Carme Forcadell e a ex consellera Dolors Bassa para falar da súa situación e da realidade actual de Catalunya.

Após o encontro coas dúas políticas (que teñen o terceiro grado penitenciario) no Palau de Pedralbes, Torra afirmou que o independentismo non se vai render até lograr que o país sexa unha república.

“Aquí non se rende ninguén, aquí non se detén ninguén, seguiremos até a liberdade de Catalunya”, subliñou ante os medios. Mais alá do que lle toca directamente polo sucedido onte, loou ás súas compañeiras por “non ter medo” e por ter “coraxe” ante esta situación tan complexa.

Pola súa parte, Forcadell trasladou o seu apoio a Torra ante a sentenza do Supremo, que considera unha “inxustiza moi grande”.

Na súa opinión, é “un paso máis neste camiño da represión” e exixiu que se faga unha amnistía.

Dolors Bassa acusou ao Estado de “abusar” da súa autoridade e alertou de que unha inhabilitación como a que pesa sobre o que era presidente da Generalitat “debería ser inimaxinábel en calquera país en democracia”.

Outras reunións

A xornada tamén foi aproveitada para facer unha visita ao resto de dirixentes independentistas que están en prisión. Así mesmo, Torra falou cos líderes soberanistas no estranxeiro, entre eles o que foi o seu predecesor, Carles Puigdemont.

Ao falar con eles a través dunha vídeo conferencia, falou da “inxustiza” de que poidan ser libres pero non volver a España. “Quen ten o problema, España ou Europa?”, preguntouse.


 


 

Comentarios