Torra acusa a Xunta Electoral de "prevaricar” para levalo a xuízo

O presidente da Generalitat chocar co maxistrado Jesús Mª Barrientos após cualificar Vox como partido franquista.

catalunya quim torra (JxCat)
photo_camera Apoio a Quim Torra cando se dirixía a declarar. (JxCat)

O presidente da Generalitat, Quim Torra, asegurou esta segunda feira que a Xunta Electoral Central (XEC) “prevaricou” coa orde de retirar o lazo amarelo do Palau. Segundo Torra, esta "prevaricación" tiña precisamente o obxectivo de colocalo no banco do acusado, unha imaxe que finalmente se materializou. Torra defendeu o significado dos lazos e tamén a legalidade da estelada.

"O país está a vivir un conflito político", dixo Torra, indicando que cando a xustiza entra "nun tema que nunca debería ter entrado", entón cómpre falar de " presos políticos", aínda que "alguén lle moleste na Sala" cando escoita o termo. Unha referencia implícita a Jesús María Barrientos, presidente da Sala, que abandonou a principios de 2018 unha conferencia de Roger Torrent, presidente do Parlament, cando este falou de presas e presos políticos. O presidente indicou que a Xunta Electoral non é "xerarquicamente superior" á Generalitat e que, tendo en conta que o procedemento do 28-A dependía da administración do Estado, non tiñan por que terse en conta os requisitos.

Torra só respondeu ás preguntas do seu avogado, Gonzalo Boye, e rexeitou abordar os temas da Fiscalía Xeral e da acusación particular, representada por Vox. O presidente asegurou que a formación de ultradereita é un partido "franquista" e lembrou que España viviu corenta anos de ditadura. Isto provocou un choque co presidente da sala, Jesús María Barrientos, que lle pediu que non "descualificase". "Non foi ningunha descualificación", dixo Torra.

Comentarios