Toman posesión as integrantes do renovado Goberno estatal

14 ministras e 8 ministros conforman o novo gabinete de Pedro Sánchez, presidente do Estado, que tomou posesión hoxe nunha cerimonia na Zarzuela antes da recollida de cadansúa carteira ministerial. Este equipo, con oito caras novas, conforma segundo Sánchez "o Goberno da recuperación".
Toma de posesión do novo Goberno do Estado esta segunda feira. (Foto: Casa do rei)
photo_camera Toma de posesión do novo Goberno do Estado esta segunda feira. (Foto: Casa do rei)

Na mañá desta segunda feira, o Salón de Audiencias do palacio da Zarzuela acolleu a toma de posesión das caras novas do novo Goberno do Estado anunciado o sábado polo presidente Pedro Sánchez.

Nadia Calviño, Yolanda Díaz e Teresa Ribera convértense en vicepresidenta primeira, segunda e terceira respectivamente, despois da saída do Executivo español de Carmen Calvo, que ademais de ocupar a Vicepresidencia primeira tamén era Ministra de Presidencia, Relación coas Cortes e Memoria Democrática.

Félix Bolaños xa é o novo titular do Ministerio, despois de prometer o cargo diante do rei e dun facsímile da Constitución do Estado. Seguiuno Isabel Rodríguez como ministra de Política Territorial, a deputada no Congreso por Cidade Real desde 2011 tamén é desde onte a nova voceira do Goberno estatal, despois de ser relevada María Jesús Montero, que se mantén como titular do Ministerio de Facenda e Función Pública.

O ex ministro de Política Territorial, Miquel Iceta, continúa no Goberno coa dirección de Cultura e Deporte. Outra das saídas agardadas pola súa mala relación con Marrocos e a vontade do Executivo español de protexer a relación co Estado alauíta meses despois do conflito pola entrada de migrantes en Ceuta, a de Arancha González Laya como ministra de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, queda cuberta coa toma de posesión de José Manuel Albares.

Raquel Sánchez, que renunciou o domingo a Alcaldía catalá de Gavá, é a nova ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no canto de José Luis Ábalos, que aínda non fixo pública a renuncia á Secretaría de Organización do PSOE, malia as filtracións da forza estatal sobre a asunción de responsabilidade de Adriana Lastra, que pilotaría o partido até o Congreso Federal de outubro.

Ademais, entran no Goberno Pilar Alegría como ministra de Educación e Formación Profesional, Diana Morant como ministra de Ciencia e Innovación, e a ex presidenta do Senado Pilar Llop como ministra de Xustiza.

O novo ministro de Exteriores quere reforzar as relacións con Marrocos

José Manuel Albares marcouse como un dos obxectivos principais da súa etapa á fronte do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, reforzar as relacións co "noso amigo Marrocos", sinalou. A relación co Estado alauíta, que mantén o conflito aberto coa República Árabe Saharauí Democrática pola ocupación do seu territorio, tamén foi enumerada pola antiga titular do Ministerio, Arancha Gónzalez Laya, como un dos temas pendentes que deixa ao seu sucesor.

Desde os medios estatais interpretan a saída de Laya como un xesto cara Marrocos á hora de normalizar as relacións, despois de que aínda non volvera a embaixadora en Madrid, chamada a consultas por Rabat desde a crise de maio en Ceuta. O ministro anunciou tamén que González Laya pasará a ser a súa asesora.

Comentarios