Miguel Díaz-Canel asume o relevo de Raúl Castro

Non houbo surpresa e ao fío das 17.55, hora galega, sóubose que a Comisión Eleitoral Nacional propuña o nomeamento de Miguel Díaz-Canel como novo presidente de Cuba. A elección ten de ser referendada pola Asemblea Nacional do Poder Popular, nun plenario na Habana que se desenvolve durante esta quinta e sexta feiras. Díaz-Canel protagoniza un momento histórico, a abertura da etapa post-castrista no país. Un dirixente civil, non militar, e que naceu xa na Cuba revolucionaria.

 

Díaz-Canel
photo_camera Díaz-Canel

A cimeira do poder lexislativo cubano ten como cenario o Palacio das Convencións da Habana. As súas sesións decorren esta cuarta e quinta feira. Esta cuarta feira, xa se coñecerá a identidade dos candidatos a ocupar os cargos de dirección quer do Parlamento quer do Consello de Estado (goberno). A proclamación e toma de posesión dos membros do executivo, nun acto perante a propia Asemblea Nacional do Poder Popular, fica para a sesión da quinta feira.

Será un relevo pautado e progresivo, pois Raúl Castro (Birán, 1931) manterá a secretaría xeral do Partido Comunista de Cuba até a realización do seu VIII Congreso, axendado para 2021. Díaz-Canel garante a continuidade das políticas impulsadas polo menor dos irmáns Castro desde que Fidel, o líder histórico da revolución, abandonase a presidencia do país en 2008, a consecuencia dunha grave enfermidade. Baixo o goberno de Raúl Castro, Cuba abriu a man en determinadas ramas da produción ao capital estranxeiro -cunha lei promulgada en marzo de 2014-, mais sen ceder en ningún caso o control estatal dos sectores estratéxicos da economía. As invocacións ao modelo chinés son inevitábeis, mais o paralelismo resulta moi forzado, tendo en conta as enormes diferenzas entre os dous países, quer do ponto de vista demográfico quer do ponto de vista cultural. Cuba continuará máis ben ensaiando a súa propia vía, iso é o que afirman os analistas próximos á dirección do partido comunista.

O socialismo non está en absoluto en cuestión -o Partido Comunista Cubano fixo rular a consigna #SomosContinuidade nas súas redes sociais-, como tampouco as formas de participación popular na elección da Asemblea Nacional do Poder Popular. Un 78,57 por cento das persoas con dereito a voto exerceron o seu sufraxio no proceso que levou á escolla dos 605 parlamentares da cámara cubana e os 1.265 delegadas e delegados provinciais.

A elección do presidente é indirecta, isto é, é a Asemblea Nacional quen o elixe cos votos secretos dos seus parlamentares. O candidato proposto é Miguel Díaz-Canel (Placetas, 1960), actual vicepresidente, membro do buró político do PCC desde 1997 e enxeñeiro electrónico.

Un presidente non pertenecente á familia Castro. Un presidente non militar. Un presidente que naceu xa na Cuba revolucionaria.

60 anos con Castro

Os meios convencionais están a trombetear estes días que Díaz-Canel vai ser o primeiro presidente do país non vinculado á familia Castro desde o triunfo da revolución en Cuba, en xaneiro de 1959. Falso. Fidel Castro non foi nomeado presidente do Consello de Estado até 1979. Ese cargo foi ocupado desde xullo de 1959 até decembro de 1976 por Osvaldo Dorticós Torrado (1919-1983). Durante ese período o maior dos Castro foi o primeiro ministro do país. Alén das formalidades, Fidel, iso si, foi en vida o auténtico líder da Revolución e o seu legado perdura até os nosos días.

Noticia actualizada ás 19:06.

Comentarios