TiSA, o outro tratado de libre comercio

Wikileaks filtrou documentos de negociación do Trade in Services Agreement (TiSA) que prevé a liberalización de servizos entre 50 países.

Wikileaks
photo_camera [Wikileaks]

Desde as finanzas até o transporte aéreo e marítimo pasando polo comercio electrónico, as telecomunicacións, servizos postais e mesmo o movemento de persoas físicais. Eis algunhas das áreas que abranguen as negociacións do TiSa, un outro Tratado que negocian os EUA e a Comisión europea e que prevé a liberalización e desregulación en materia de servizos. 

Segundo os documentos filtrados por WikiLeaks e recollidos, en exclusiva, por diversos medios colaboradores, entre eles o diario dixital español Público, as conversas desenvólvense entre 50 países: Australia, Canada, Chile, Colombia, Corea do Sur, Costa Rica, Estados Unidos, Hong Kong, Islandia, Israel, Xapón, Liechtenstein, México, Nova Zelandia, Noruega, Pakistán, Panamá, Paraguai, Perú, Suiza, Taiwán, Turquía e a Comisión Europea que representa os 28 Estados membros da UE. 

Cunha simple ollada fica en evidencia que se trata de países aliados dos EUA-UE, entre eles paraísos fiscais, e que da listaxe fican excluídos os denomimados BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Suráfrica), economías emerxentes que poderían verse prexudicadas pola sinatura deste acordo internacional. 

Desaparición dos obstáculos ao comercio transnacional de servizos

O obxectivo das negociacións é eliminar os controis e obstáculos que limitan o comercio de servizos, nomeadamente financeiros, reducindo ao máximo a capacidade dos estados para lexislar. Segundo a información difundida por Wikileaks a desregulación atinxirá todos os niveis da administración (comunitario, estatal, territorial e local) en virtude dun maior acomodo para os intereses das empresas transnacionais. 

De se aprobar o TiSA ningún estado asinante poderá restrinxir a comercialización de produtos financeiros tóxicos como os activos derivados que causaron o crack de 2008

Entre os asuntos obxecto de negociación salienta a comercialización de produtos financeiros, nomeadamente após o crack de 2008. O tratado prevé a liberalización salvaxe deste tipo de figuras, entre elas os coñecidos como produtos derivados causantes da quebra bursátil que xerou a crise económica actual. Trátase de produtos cuxo valor se basea na proxección do prezo doutro activo nun futuro. O seu carácter é fortemente especulativo. 

De se aprobar o TiSA ningún dos estados asinantes poderá impor barreiras ou limitacións a produtos derivados e, aliás, deberá informar ás demais partes (incluídas as transnacionais) se algunha mudanza na súa lexislación puider afectarlles. Isto permitirá que as empresas actúen con celeridade e exerzan presión sobre os gobernos en defensa dos seus intereses. 

Neste senso, o proceder é semellante ao do TTIP e mesmo inclúe a posibilidade de se crearen tribunais de arbitraxe internacional para a resolución de hipotéticos conflitos entre estados. Porén, a magnitude real das negociacións --ergo as súas consecuencias-- descoñécese ao non se ter desclasificado nen sequera o mandato negociador e fixarse un período de 5 anos desde a súa entrada en vigor até a súa desclasificación. 

Comentarios