Theresa May, disposta a atacar Siria sen pedir permiso ao Parlamento

Segundo fontes consultadas por The Telegraph, a primeira ministra podería envolver o seu país nunha operación conxunta cos EUA e Franza sen previamente solicitar a autorización da Cámara dos Comúns. May non quer pasar pola humillación sofrida por Cameron en agosto de 2013.

may
photo_camera Theresa May

En 2013 o daquela primeiro ministro David Cameron demandou ao Parlamento apoio para unha intervención militar en Siria. Contra todo prognóstico, foille denegado. Varios MPs da coligazón naquel momento gobernante -Conservaty Party e Lib-Dems- votaron en contra da pretensión de Downing Street, o que abriu unha crise institucional de grandes dimensións. "Está claro que o Parlamento británico, reflectindo a opinión do público británico, non quer unha acción militar en Siria. Tomo nota e o goberno actuará en consecuencia", dixo daquela Cameron.

May escarmenta en cabeza allea e foxe agora do control parlamentar. Fontes do seu gabiente consultadas por The Telegraph viron como probábel que a acción militar contra as forzas militares sirias -acusadas sen probas de ter usado armamento químico nun ataque nos arrabaldos de Damasco o pasado sábado- se desencadee no que resta desta semana, sen por tanto agardar que na próxima se reúna a Cámara dos Comúns.

Submarinos británicos terían recebido xa ordes de se aproximaren a Siria para eventualmente participar nun ataque que liderarían as forzas estadunidenses.
 

Comentarios