A CUP convoca unha manifestación

Un terzo dos concellos cataláns, ameazados pola xustiza española

Sobre arredor dun terzo dos concellos cataláns, 381, son investigados pola Audiencia Nacional ou pola Delegación do Goberno en Catalunya, por dar o seu apoio á resolución independentista do 9 de novembro.

[Imaxe: CUP] Faixa co lema "Sen medo"
photo_camera [Imaxe: CUP] Faixa co lema "Sen medo"

Un total de 381 municipios cataláns mantén algún contencioso xurídico aberto co Estado en relación ao apoio expreso á resolución independentista do 9 de novembro. A cifra ascende a 393 administracións locais de lle sumar os procesos abertos contra os consellos comarcais e as deputacións.

Os Concellos están acusados de supostos delitos de rebelión e de sedición

O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno Chamorro ordenou a principios de febreiro investigar a Asemblea Nacional Catalá (ANC), a Asociación de Municipios pola Independencia (AMI) e a Asociación Catalá de Municipios (ACM) por supostos delitos de rebelión e de sedición. Foi por promover mocións de apoio á resolución do 9N nos concellos cataláns cando xa fora anulada polo Tribunal Constitucional.

Concellos como Celrà, Girona, Igualada ou Seu d’Urgell xa foran denunciados pola Fiscalía da Audiencia Nacional por rebelión e sedición, mais estas catro causas foron arquivadas por tres maxistrados diferentes que aseguran que se trata de “posicionamentos políticos no marco da liberdade ideolóxica e de expresión de aspiracións ou anhelos políticos”.

“Sen Medo”

Para apoiar os concellos e cargos eleitos, a Asemblea Nacional Catalá, Òmnium Cultural, a Asociación de Municipios pola Independencia e a Asociación Catalá de Municipios promoveron un manifesto a favor da liberdade de expresión e contra a xudicialización do proces sobernanista e convocaron a pasada sexta feira un acto solidario.

Aliás, este domingo a CUP presentou a campaña "Sen Medo" en defensa dos cargos eleitos perseguidos pola declaración do 9-N e anunciou a convocatoria dunha mobilización nacional de apoio para o 7 de maio. Nesta manifestación tamén se reivindicará a desobediencia.

Comentarios