O Supremo sentencia que os territorios non poden impor un recoller obrigatorio xeral

O Tribunal Supremo estabelece a xurisprudencia aplicábel ás limitacións de dereitos para loitar contra a pandemia, aclarando que as autonomías non poden impor toques de recoller de modo xeral, só nun territorio e tempo limitado. Anula así as restricións aprobadas polo Govern das Illes Balears.
Policías despexan persoas nunha praza de Barcelona hai dúas semanas. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)
photo_camera Policías despexan persoas nunha praza de Barcelona hai dúas semanas. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)

O Tribunal Supremo decidiu esta quinta feira que non se poden restrinxir dereitos fundamentais de modo xeral para loitar contra a pandemia da Covid-19 ao non estar cubertos pola Lei de medidas especiais en materia de saúde pública de 1986.

No auto, no que anula tanto o toque de recoller como a limitación de persoas nas reunións sociais nas Illes Balears, tamén incide en que na situación epidemiolóxica actual non son proporcionais. O levantamento destas restricións estaba previsto polo Executivo dirixido por Francina Armengol para a noite do sábado ao domingo.

O tribunal defende na resolución que o principio de prudencia non é suficiente para permitir a aplicación destas medidas, así como que as restricións aprobadas no Consell de Govern non están xustificadas.

Este auto chega despois do recurso de casación introducido pola Fiscalía a raíz da decisión do Tribunal Superior de Justícia de Balears, que autorizara por segunda ocasión ambas as dúas medidas a solicitude do Govern, mais co voto particular de dúas maxistradas, que apuntaban que non estaba xustificado aplicar estas restricións nos domicilios privados.

O primeiro permiso non puidera ser recorrido ao Tribunal Supremo ao ser outorgado o 7 de maio, antes da entrada en vigor do decreto do Goberno estatal que permitía utilizar ese recurso xurídico.

Xurisprudencia

O veredicto do Supremo remata de estabelecer a xurisprudencia sobre a limitación de dereitos que implica o toque de recoller e a limitación de persoas nas reunións sociais. Hai dúas semanas, na decisión sobre o recurso interposto por Canarias para fechar as illas nos niveis de alerta 3 e 4, opción que xa fora rexeitada polo seu Tribunal Superior, o Supremo resolveu contra Canarias e decidiu que estas limitacións tiñan que estar delimitadas territorial e temporalmente con base no número de doentes.

O toque de recoller aínda estará vixente no País Valencià até o 8 de xuño.

Comentarios