Unha enquisa sitúa o Sinn Féin segunda forza en Eire e a socialdemocracia fóra do parlamento

A sondaxe realizada polo Irish Times na República de Irlanda apunta un castigo á coalición gobernante de Fine Gale e Laboristas (estes ficarían incluso sen representación) e unha suba de Sinn Féin e independentes.

Sinn fein irlanda

É só unha enquisa. Mais puxo dos nervios a boa parte da tradicional clase política irlandesa de dereita e de esquerda. A sondaxe electoral realizada por un dos principais xornais irlandeses, Irish Times, o pasado mes de outubro sinala importantes cambios políticos. O primeiro, un castigo dos de facer época por parte da cidadanía á coalición de goberno composta polo Fine Gael (centro escorado á dereita) e o Partido Laborista (socialdemócratas). Un castigo que non é igual para os dous. Así, o Fine Gael (Tribo dos irlandeses) perdería 20 escanos respecto das eleccións de 2011 (de 74 a 54) mais seguiría a ser a formación máis votada, cun 26%.

O SF é a opción clara de esquerdas para moit@s electores, unha esquerda que este partido xungue coa  aposta pola soberanía nunha Irlanda unida

Os laboristas, 'pagarían o pato'. A enquisa indica que só obterían o 6% dos votos e que non atinxirían nin 1 só dos 166 escanos do Parlamento irlandés. Ten agora 38 deputad@s.

Diferenzas

Noutra situación están tres formacións ben distintas, segundo a sondaxe. O conservador Fianna Fail (Soldados do destino) ten agora 16 deputad@s na Cámara baixa irlandesa. A sondaxe do Irish Times dalle o 22% dos votos e 39 escanos. No Parlamento hai agora 15 representantes independentes. A sondaxe di que de haber agora comicios esa cifra sería de 27 (o 21% dos sufraxios).

E o Sinn Fein, que desde finais dos 90 vai a máis e a máis na República de Irlanda, sería a segunda forza en canto a sufraxios (23%), atinxindo 38 deputad@s. Os seus mellores resultados, segundo o Irish Times, virían tanto dos barrios obreiros da zona do South-west de Dublin, e de condados como Dún na nGal (Donegal) e An Lú (Louth), colindantes coa zona da Illa sob soberanía británica.

Sondaxes varias

En setembro e outubro diferentes medios e institutos de análise realizaron enquisas e sondaxes en Irlanda. Só a do Irish Times apunta a un terremoto na representación electoral. Mais esta coincide con outras (a do Sunday Independent-Millward, a do Bussines Post...) en sinalar unha forte queda dos laboristas, baixada do Fine Gael e ascenso de Sinn Féin e independentes.


 

Comentarios