Terremoto político en Austria no medio do confinamento nacional pola Covid-19

Renovación conservadora en Austria para intentar afastarse da corrupción no partido, cunha cadea de dimisións que comezou o ex chanceler Kurz e que remata co terceiro chanceler en menos de dous meses.
O novo chanceler de Austria, Karl Nehammer, anunciando a decisión do ÖVP de convertelo en líder da formación e do país. (Foto: Roland Schlager / APA / dpa)
photo_camera O novo chanceler de Austria, Karl Nehammer, anunciando a decisión do ÖVP de convertelo en líder da formación e do país. (Foto: Roland Schlager / APA / dpa)

As investigacións por corrupción no seo do principal partido do Goberno austríaco, o conservador ÖVP, forzaron a designación do que será o terceiro chanceler do país en menos de dous meses, un posto que pasará a ocupar o até de agora ministro de Interior, Karl Nehammer, elixido onte pola dirección do partido como novo líder da formación e de Austria.

A tensa calma instalada no ÖVP desde a dimisión do ex chanceler Sebastian Kurz o 9 de outubro pasado rematou pola man da mesma persoa que a xerara. Kurz anunciou a quinta feira a súa dimisión como voceiro do partido e do grupo parlamentar do lexislativo, cargos que mantivera ao abandonar o liderado do país.

Na rolda de prensa, xustificou a decisión, que implica a retirada da política, no nacemento da súa crianza, mais recoñecendo que as pescudas contra el converteron os últimos meses “só nunha defensa contra as acusacións”.

Isto provocou un movemento en cadea, poucas horas despois dimitía o chanceler Alexander Schallenberg, ministro de Exteriores durante o mandato de Kurz até que este o seleccionou como o seu substituto.

Agradecendo ao ex voceiro da forza conservadora o seu traballo, Schallenberg proclamou nunha intervención pública recollida polo Kronen Zeitung que “non é a miña intención e nunca foi o meu obxectivo asumir a función de líder do partido”, adiantando a súa renuncia cando “se estabeleza o rumbo pertinente no ÖVP” e defendendo que o liderado do país e do partido “deben reunirse”.

Durante o seu breve paso pola Chancelería, Schallenberg decretou un confinamento nacional pola Covid desde o pasado 22 de novembro que se estenderá até o 22 de decembro, e fixo público que a vacinación será obrigatoria desde febreiro de 2022 para acabar coa alza do coronavirus no país, con multas de até 7.200 euros para quen non o faga.

Esta resolución abriu a porta ao debate na Unión Europea sobre a necesidade de definir a inoculación como obrigatoria co obxectivo de controlar a expansión da pandemia, co continente europeo convertido no centro do SARS-CoV-2 no planeta. Porén, varios milleiros de persoas saíron á rúa en distintas cidades do país durante o período de confinamento para protestar contra o que consideran unha “ditadura”, por mor das medidas adoptadas para xestionar a situación sanitaria.

Con todo, non foi a última renuncia no ÖVP esa mesma quinta feira, Gernot Blümel, ministro de Finanzas e tamén acusado pola Fiscalía Anticorrupción, anunciou a súa retirada da política, descabezando o ÖVP.

Renovación

Os medios locais destacan a renovación nun Executivo que quere sacudirse a pantasma da corrupción, a falta da confirmación do presidente austríaco, Alexander Van der Bellen, o novo chanceler Nehammer destacou que o seu Goberno se baseará en responsabilidade, solidariedade e liberdade.

Con modificacións que afectan a case todos os membros do gabinete, un dos que permanecerá é Schallenberg, que volve ao ministerio de Asuntos Exteriores, que ocupaba até hai dous meses, informa Die Presse.

Subornos para recibir un bo tratamento nos medios

A Fiscalía de Austria revela que Kurz, primeiro como ministro de Exteriores e logo como chanceler, mercaba por medio do Ministerio de Finanzas espazos publicitarios en medios de comunicación a cambio da publicación de artigos con eloxios cara a el e máis enquisas de opinión favorábeis.

Isto levou o Partido Verde, que goberna co ÖVP, a exixir a cabeza de Kurz a cambio de manter a vixencia da coalición.

Comentarios