Un terremoto de magnitude 6,1 provoca máis de mil mortos na fronteira de Afganistán e Paquistán

As autoridades afgás solicitaron axuda urxente para evitar "unha maior catástrofe".
Punto no que tivo lugar o terremoto (en azul). (Foto: Goberno dos EUA)
photo_camera Punto no que tivo lugar o terremoto (en azul). (Foto: Goberno dos EUA)

Un terremoto de magnitude 6,1 na escala Ritcher rexistrado na noite da terza feira provocou o falecemento de, polo de agora, máis de mil persoas nas provincias de Paktika e Jost, en Afganistán, na fronteira do país asiático con Paquistán, ademais de 1.500 persoas feridas.

Segundo informa a axencia de noticias afgá Bakhtar News Agency, a maioría dos falecidos corresponden a Paktika, onde contabilizan xa entre 250 e 300 decesos. 

O último rexistro actualizado da cidade de Jost é de 25 mortos, mais dado o número total de falecidos reportada polo Goberno afgán, é moi probábel que esa cifra sexa maior.

Neste sentido, as autoridades afgás alertan que o número de persoas falecidas podería aumentar considerabelmente nas vindeiras horas, a medida que prosigan as operacións de rescate, e segundo evolucionen varios dos feridos con pronóstico crítico.

Reacción do Goberno afgán

O portavoz do Goberno afgano, Bilal Karimi, explicou que, "desafortunadamente, durante a última noite rexistrouse un grave terremoto en catro distritos da provincia de Paktika que matou e feriu centos dos nosos cidadáns e destruiu decenas de casas".

Karimi solicitou a todas as axencias de axuda humanitaria, a través das súas redes sociais, que "envíen equipos á zona para evitar unha maior catástrofe".

O epicentro do sismo situouse a 44 quilómetros da cidade de Jost, mentres que o seu hipocentro estivo a unha profundidade aproximada de 51 quilómetros.

Pola súa parte, medios de comunicación de Paquistán fixeron reporte dun leve terremoto na capital do país, Islamabad, sen que as autoridades se pronunciaran no momento de redactar esta información.

Comentarios