Terceira greve xeral baixo o goberno de Tsipras

O paro convocouse contra a reforma da Seguridade Social, impulsada polo executivo heleno para manter “a viabilidade” dos sistema.  

grecia greve tsipras

Alexis Tsipras vive esta quinta feira a súa terceira greve xeral desde que é primeiro ministro grego, a primeira en 2016. Un paro convocado contra a reforma da Seguridade Social impulsada polo goberno heleno. O executivo asegura que é mester adoptar medidas de reforma para manter a viabilidade do sistema. Mais iso non convence a oposición, sindicatos e diferentes colectivos. Nesta terceira greve, as organizacións representativas de agricultores, traballadores do transporte e mariña mercante, pensionistas e profesionais liberais son, segundo os medios gregos, os que máis impulso van dar ao paro.

Nos anteriores paros, o impacto foi nomeadamente no sector público, mais nesta pode darse tamén no privado

É a greve, das tres vividas por Tsipras como primeiro ministro, que ten máis sectores adheridos: pequeño comercio, farmacéuticos e persoal hospitalario tamén anunciaron a súa participación. Nos anteriores paros, o impacto foi nomeadamente no sector público, mais nesta pode darse tamén no privado. A greve tamén foi secundada, un día antes -como é habitual-, polos xornalistas, mesmo por aqueles que traballan nos gabientes de ministerios e organismos públicos.

A greve coincide coa reavaliación do terceiro resgate a Atenas, por valor de 86 mil millóns de euros en 3 anos.

Comentarios