Un tenente xeneral propón reinstaurar a mili obrigatoria para que a mocidade recupere “valores”.

Rafael Comas sinala que no servizo militar coincidían xentes de diferentes partes do Estado e iso sería “bo”.

tanque, armas, armamento, gasto militar, exército

En 2001 o goberno español de José María Aznar puxo fin ao servizo militar obrigatorio. Unha decisión na que tivo o seu peso a loita pola obxección de conciencia e a insumisión. Unha década na que milleiros e milleiros de mozos se negaban xa non só a facer a mili, senón a cumprir coa ‘alternativa’ que o Estado ofrecía ao servizo militar para intentar desactivar o maestar, a PSS (Prestación Social Substitutoria). Foi a revolución da insumisión, estendida por todo o Estado mais con epicentros en Euskal Herria e Galiza, os dous territorios onde máis callou este ‘Non’ ao exército español.

Trece anos despois de que o goberno do PP aceptase eliminar a obrigatoriedade do servizo militar, un tenente xeneral español pide que se recupere. E así, indica Rafael Comas, que así se chama o militar, poderían recuperarse certos valores entre a mocidade. E non só, senón que tamén poderían convivir “xentes” de diferentes zonas do Estado español.

Rafael Comas fixo estas declaracións no transcurso dun debate informativo en Valencia, e nun diálogo con cargo do PP, alcalde de Algamesí, que lle preguntaba se non sería bo recuperar “un par de mesiños” de servizo militar. O tenente xeneral, xefe do cuartel xeneral terrestre da OTAN en Bétera, respondeu que si, mais con outro formato diferente ao que había. E lembrou que en Noruega estableceuse recentemente o servizo militar obrigatorio “para as mulleres” e ese país “non é belicoso”.

Comentarios