Nove persoas mortas, varias desaparecidas e milleiros evacuadas pola "tormenta perfecta" en Italia

O temporal que axexa a rexión de Emilia-Romagna obrigou a suspender o Gran Premio de Imola de F1, así como a fechar escolas e desprazar miles de persoas en diferentes municipios anegados polo desbordamento dos ríos.
O temporal en Italia deixou grandes inundacións (Foto: Arma Dei Carabinieri / Dpa)
photo_camera O temporal en Italia deixou grandes inundacións. (Foto: Arma Dei Carabinieri / Dpa)

No mínimo, e só até o momento de escribir estas liñas, nove persoas mortas, varias desaparecidas e milleiros evacuadas. Estas están a ser as consecuencias do temporal que provocou a declaración da alerta vermella en Italia e que está a afectar especialmente a nórdica rexión de Emilia-Romagna.

"Chegou a tormenta perfecta; nunca desde a posguerra viviramos unha situación así. A alerta meteorolóxica de Emilia-Romagna levaba uns días advertíndonos da situación", sinalou o presidente da Orde de Xeólogos desta rexión italiana, Paride Antoline. Se ben a semana comezaba cun "sol precioso" dominando o ceo e un escenario así "parecía imposíbel", dixo, "nas primeiras horas da terza feira caeron as primeiras pingas e logo chegou o dioivo".

Rúas anegadas, estradas intransitábeis e centos de vivendas tomadas pola auga é a estampa que presentan cidades como Lugo, Riccione, Cesena ou Faenza. Dadas as grandes dificultades que enfronta o persoal de emerxencias nos operativos de rescate, as autoridades instan a poboación a subir aos "pisos máis altos" das casas, informa o xornal Corriere della Sera.

14 ríos desbordaron e provocaron inundacións en 23 concellos

As escolas fican fechadas en cidades como Bologna, que atravesa tamén unha situación crítica debido ao desbordamento nocturno do río Sillaro. De feito, son xa 14 os acuíferos que provocaron inundacións nunha vintena de municipios do norte de Italia

Na provincia de Módena, dentro da rexión de Emilia-Romagna, o seu presidente, Fabio Braglia, chama a "limitar as viaxes non imprescindíbeis", pois a situación, segundo as previsións, "podería empeorar repentinamente".

O GP de Imola (F1) foi cancelado e o Goberno italiano convocou un Consello de Ministros urxente

As devastadoras consecuencias do temporal levaron tamén, como era de esperar, á suspensión definitiva do Gran Premio de Imola de Fórmula 1, após unha reunión de urxencia entre representantes políticos dos gobernos estatal e rexional coa Federación Internacional de Automobilismo.

A primeira ministra italiana, a ultradereitista Giorgia Meloni, convocou para a vindeira terza feira, ás 11 horas, un Consello de Ministros urxente para analizar os danos ocasionados e estudar a resposta a dar nos próximos días. "Estamos profundamente agradecidos aos homes e mulleres que se dedican ás operacións de rescate nestas horas", afirmou.

Comentarios