venres 24/09/21

O temporal deixa centos de evacuados no leste de España

As evacuacións e cortes de estradas multiplicáronse desde o comezo da Dana, coñecida como pinga fría, hai dous días. As zonas máis afectadas foron o centro do Estado español e a costa mediterránea. A situación meteorolóxica, tras as chuvias torrenciais e os fortes refachos de vento, normalizarase a partir desta sexta feira.
Coches no delta do Ebro onte, despois das chuvias torrenciais da pasada cuarta feira. (Foto: Protecció Civil de Catalunya)
Coches no delta do Ebro onte, despois das chuvias torrenciais da pasada cuarta feira. (Foto: Protecció Civil de Catalunya)

13 territorios do Estado están en alerta polo temporal de chuvia e pedrazo provocado pola depresión illada en niveis altos (Dana), fenómeno meteorolóxico coñecido de xeito coloquial como pinga fría, que deixou desde a cuarta feira centos de persoas evacuadas e estradas cortadas, así como edificios e fábricas inutilizadas.

Malia isto, o peor xa pasou, afirmou Rubén del Campo, voceiro da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), que apuntou nesta quinta feira que, a pesar da sarabia e dos fortes refachos de vento, mañá “a situación tenderá, pouco a pouco, á normalidade”, con posibilidade de tormentas illadas e de pouca intensidade no nordés do Estado ao longo da fin de semana.

Del Campo incidiu en que é preciso facer un estudo de atribución para coñecer se esta Dana ten relación co cambio climático, despois de que esta semana fora publicado un informe da Organización Meteorolóxica Mundial no que conclúen que se multiplicaron por cinco os fenómenos extremos no clima nos últimos 50 anos.

Na quinta feira, os territorios máis afectados pola Dana foron Aragón, Catalunya, País Valencià, Balears e Nafarroa, con distintas zonas en nivel laranxa de alerta por tormentas e chuvias, que provocaron o desborde de varios ríos.

Nas primeiras horas da cuarta feira, arredor de 9.000 raios caeron en Castela e León, Castela-A Mancha, Madrid e Nafarroa, transmitiu Aemet, pero as zonas con máis incidentes polas chuvias torrenciais foron Castelló, Toledo e Tarragona.

Na comarca catalá de Montsià, no delta da desembocadura do río Ebro, case 200 persoas foron evacuadas das súas casas e dun cámping que se inundou. Na vila de Alcanar, onde a media anual é de 490 litros por metro cadrado, choveron en tres horas 252 litros por metro cadrado.

En Vinarós, o primeiro municipio despois de superar a fronteira do País Valencià, varias persoas quedaron atrapadas nos seus vehículos, unha escena que se repetiu en distintas partes do Estado. No centro da península, varios barrios de Toledo quedaron anegados e o metro de Madrid tivo que ser clausurado.

Amais, dúas turistas alemás de 23 e 25 anos faleceron na madrugada da cuarta á quinta feira en Manacor (Mallorca), tras saír nadar no medio da treboada.

Alerta no Mar Menor por un fenómeno cada vez máis común

En 2019, a Dana que afectou a costa mediterránea provocou unha mortalidade masiva de peixe e marisco no Mar Menor, cando a chuvia arrastrou os nitratos dos fertilizantes procedentes da agricultura intensiva, xerando a multiplicación do fitoplancto e a diminución do osíxeno.

A carencia de prácticas agrícolas como os tradicionais bancais de secaño (o último foi destruído en 2011), que reteñen a auga nestas situacións, agravou un problema que reaparece periodicamente froito da proliferación de milleiros de hectáreas de cultivos ilegais que o Goberno murciano evita sancionar, denunciou a semana pasada a voceira do Executivo estatal, Isabel Rodríguez.

O último episodio de mortaldade na lagoa data de apenas unhas semanas, mais de sufrir os efectos da Dana o desastre ecolóxico podería acadar un novo nivel.

comentarios