O temor a unha elevada abstención paira sobre a campaña das eleccións vascas

O PSOE descarta participar nun tripartito de esquerdas alternativo ao PNV
Acto de Bildu (Foto: Nós Diario).
photo_camera Acto de Bildu (Foto: Nós Diario).

O proceso electoral vasco chega á súa primeira semana de campaña cos aparatos das diferentes formacións políticas preocupados por unha baixada da participación maior da agardada. Malia que o presidente vasco, Iñigo Urkullu, cando anunciaba a data electoral era consciente do risco que significaba chamar ás urnas nunhas circunstancias sanitarias como as actuais e en plena tempada de vacacións, a escasa concorrencia aos actos de campaña e a elevada abstención nas eleccións municipais en Francia están disparando todas as alarmas nas forzas políticas activas na contenda.

O Partido Nacionalista Vasco (PNV) é a formación máis preocupada por unha caída da participación. Neste sentido, desde a dirección da organización temen que o inicio de vacacións de moitas familias, o medo ao coronavirus, particularmente na poboación maior, e os datos ofrecidos polas enquisas públicas poden xerar un inesperado furado nos seus resultados electorais, malia que as diferentes sondaxes lle outorgan unha cómoda vitoria electoral. Así as cousas, o PNV está botando man da súa ampla base social para favorecer a alza do voto por correo, que todos os analistas dan por feita.

A campaña vasca continúa a ser un xogo entre as dúas formacións nacionalistas co resto das organizacións como actores secundarios. Nesta dialéctica, o PNV está poñendo o foco nun hipotético tripartito de esquerdas encabezado por Bildu e co apoio do PSOE e de Podemos, co obxectivo de evitar fugas do voto nacionalista pero tamén de concentrar o voto do electorado da dereita e da esquerda españolista temeroso dun goberno da esquerda nacionalista.

O presidente do PNV, Andoni Ortúzar, no seu último mitin de campaña, cargou de novo contra esa posibilidade, sinalando que “mentres uns cantos andan enredando co chamado pacto de esquerdas, un eufemismo para agochar un pacto anti-PNV e mentres as dereitas españolas falan do seu, a nós só nos preocupa Euskadi porque Euskadi á a nosa única patria”.

A candidata socialista á presidencia, Idoia Mendía, tamén quixo marcar con distancias con eses tripartito. Así, nunha comparecencia pública decorrida onte, volveu disparar contra Bildu, sinalándoo como “o único partido que fica en todo o Parlamento Vasco que é incapaz de condenar o terrorismo de ETA” e afirmando que “non pode partillar Goberno con quen non condena o ataque á miña casa”. 

Comentarios