Puigdemont: "Se me inhabilitan, irei traballar como fago acotío"

O TC suspende tamén a Lei de Transitoriedade mais o Govern non lle recoñece autoridade

A ofensiva dos aparatos do Estado para inviabilizar o referendo do 1-O non se toma nen un respiro. Ao día seguinte de un millón de persoas ocuparen civicamente as rúas do Eixample barcelonés, o TC suspende a Lei de Transitoriedade e fundacional da República catalá, a norma que entrará en vigor se o SI se impor na consulta autodeterminista. "Se me inhabilitan, ao día seguinte iría traballar con normalidade", afirmou esta terza feira Carles Puigdemont.  O Govern nega toda lexitimidade ao TC e as institucións xudiciais españolas.

Tribunal Constitucional

Nengunha surpresa. O Tribunal Constitucional aceitou a trámite o recurso formulado polo Estado contra a Lei de Transitoriedade, co cal esta fica automaticamente suspendida. O Govern non vai tomar nota da decisión do alto tribunal, cuxa autoridade en Catalunya cuestiona de forma aberta. Esta mesma terza feira, e perante a súa hipotética inhabilitación, Carles Puigdemont declarou nunha entrevista na RAC1: "Se o Tribunal Constitucional me suspende, o día seguinte iría a traballar como fago acotío".

"O TC non pode suspender un presidente e un non marcharei para casa porque me defende o Estatuto", dixo o líder independentista, a patentizar que, a ollos do bloco soberanista, neste momento a única legalidade de referencia en relación ao referendo é a emanada do Parlament.

Estaríamos xa no terreno da insubmisión ás autoridades españolas, en coherencia co anuncio feito por Jordi Sànchez, presidente da Assemblea Nacional de Catalunya, no seu discurso de clausura da manifestación xigante da Diada: "Declararémonos insubmisos ante aqueles tribunais que declaran a indivisíbel unidade da súa patria [a española].

Non ten dúbidas Puigdemont de que o 1-O a populación catalá poderá votar e, nunha clara alusión a Ada Colau e aos comúns, enfatizou: "Coas garantías que oferece o Govern catalá, agora mesmo podo garantir un referendo vinculante".

Comentarios