Tardá ve posíbel un pacto de goberno cos comúns que inclúa a autodeterminación

“De cara a unhas eleccións, o máis intelixente é ir xuntos se a candidatura é transversal”, dixo Joan Tardá, parlamentario de ERC no Congreso, está mañá nunha entrevista na radio pública de Catalunya.

ATARDA
photo_camera Joan Tardá con Gabriel Rufián esta mañá en Barcelona.

Tardá, que minutos despois participou en Barcelona nunha concentración para reclamar a liberdade dos presos políticos cataláns, insistía deste xeito no discurso de Esquerra nos últimos días, que se ben non parece disposta a repetir a coalición JxSí, deixa aberta a porta a acordos máis amplos antes ou despois do 21D.

“Nesta nova etapa hai que mirar tamén cara o catalanismo federalista”, sostivo Tardá. E engadiu: “todas as forzas que defendemos a autodeterminación e a independencia estamos unidas por certos fitos”.

Tardá deixou entrever que a súa formación está disposta a levar no programa a proposta dun referendo de autodeterminación. “Non debemos abandonar a reivindicación do referendo”, advertiu ao tempo que lamentou que non se tiveran dado as condicións para cumprir o mandado do 1-O.

“Hai que ampliar a base da autodeterminación, así que non descarto un pacto post-electoral con Catalunya en Comú”, concluíu Tardá.

Comentarios