Os támiles derrocan o presidente de Sri Lanka que liderou a sanguenta represión de 2009

Os támiles votaron en masa contra Rajapaska nas eleccións de Sri Lanka. Rajapaksa exerceu a man dura contra o independentismo. Na 'ofensiva final' de 2009 morreron, segundo a ONU, 40.000 persoas

tamil guerrilla tigres
photo_camera Guerrilleiras tamiles

Mahinda Rajapaksa perdeu as eleccións en Sri Lanka por menos de catro puntos porcentuais, unha marxe que se debe en grande medida, e segundo os medios de comunicación, ao voto masivo dos támiles. As organizacións nacionalistas chamaron a acudir ás urnas para botar do poder a este mandatario, responsábel de ordenar diversas ofensivas contra este pobo e de bloquear e paralizar calquera investigación sobre as violacións de dereitos humanos sobre @s tameis.

En 2012 o goberno de Sri Lanka recoñeceu que na 'ofensiva' de 2009 morreran 8.000 persoas. A ONU e ONGs falaron de até 40.000 persoas falecidas.

Tal e como lembra Nationalia, a Alianza Nacional Tamil (ANT) fixera unha intensa chamada a votar contra Rajapaksa, a quen acusaban diretamente de “anti-tamil”. Rajapaska foi o comandante en xefe das Forzas Armadas de Sri Lanka, no albo de numerosas violacións de dereitos humanos.

Os támiles son o 15% da poboación de Sri Lanka, un estado con maioría cingalesa. Tanto o mandatario derrocado nas urnas coma o vencedor son cingaleses mais a ANT tiña ben claro que Rajapaksa non merecía un voto tamil pola súa política represiva cara a este pobo. O chamamento da Alianza tivo éxito. Nas zonas de maioría tamil, como o distrito de Jaffna, o candidato opositor (Sirisena) atinxiu o 74% dos votos. En Tamil Eelam e Nuwara Eliya, de maioría tamil, Sirisena andou entre o 60 e o 80% dos apoios.

“Favorábel á cuestión nacional”

A ANT xa lembrou a Sirisena -antigo aliado do presidente derrocado nas urnas- que agarda del un maior respecto para co pobo Tamil e chamouno a tomar parte nunha dinámica favoábel á cuestión nacional. A ANT defende un modelo federal como primeiro paso.

Rajapaksa foi o presidente que liderou en 2009 a ofensiva contra os Tigres para a Liberación da Patria Tamil (LTTE), a guerrilla que desde 1983 loitaba pola independencia. Na fase final do conflito houbo por volta de 40.000 mortos civís, segundo a ONU e milleiros e milleiros de persoas desprazadas. O goberno cingalés só recoñece unha cifra de 8.000.

Rajapaksa sempre bloqueou as peticións (nacionais e internacionais) de investigar as violacións de dereitos humanos contra o pobo Tamil.

Comentarios