Tambores de investidura

ERC e PSOE intensifican contactos coa vista posta nunha probábel investidura o 5 de xaneiro. Mentres, socialistas e PNV asinan esta segunda feira o pacto para facilitar que Pedro Sánchez sexa presidente.

Congreso dos Deputados (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Congreso dos Deputados (cedida)

Concordan as manchetas en Madrid e Barcelona: ERC e PSOE ultimaron este domingo un acordo para a investidura de Pedro Sánchez, que se podería anunciar nas vindeiras horas para facelo posíbel o domingo 5 de xaneiro.

Porén, as e os republicanos declaran publicamente non ter présa e advirten dos seus procesos internos. A Executiva de ERC reúnese esta segunda feira mais o Consell Nacional (que ten a competencia de dar o visto bo a un posíbel acordo) non o fará antes do día 2.

A portavoz do PSOE, Ariadna Lastra, reuniuse no Congreso cos seus colaboradores segundo soubo Nacion Digital. A partir de aí intercambia documentos e impresións cos líderes republicanos, tanto os tres representantes na mesa de negociación (Marta Vilalta, Gabriel Rufián e Josep Maria Jové) como outros, como o propio Pere Aragonès.

O PSOE ten présa de pechar xa o acordo mentres ERC trata de arrincar máis garantías de cumprimento. Os republicanos non lles importa esperar uns días máis e cren que o tempo é máis favorábel para eles que para o o PSOE.

O acordo contemplaría un diálogo entre os gobernos -como afirmou ERC, e non só entre os partidos, como propuxeron inicialmente os socialistas- e a "desxudicialización" do conflito entre Catalunya e o Estado. Unha posición clara a favor de cumprir a sentenza do Tribunal da Unión Europea sobre a inmunidade de Oriol Junqueras (os republicanos terían recibido información de primeira man esta fin de semana sobre o sentido da decisión) podería acabar por resolver a situación.

Mentres, non hai noticia oficial de novos contactos entre BNG e PSOE.  Esta fin de semana, as nacionalistas galegas ligaban o seu apoio á investidura a que haxa unha solución á “discriminación” a Galiza coas peaxes da AP-9

Comentarios