Os talibán continúan a avanzar e xa se contempla a conquista de Kabul

Controlan 9 das 34 capitais de provincia do Afganistán.
EuropaPress_3827027_militar_afganistan
photo_camera Militar afgán sobre un tanque, nunha foto de arquivo (Foto: Xinhua)

Os talibán tomaron nas últimas horas outras tres capitais provinciais no Afganistán, co que xa son 9 das 34 do país en mans do grupo insurxente. Esta ofensiva coincide coa retirada dos Estados Unidos do país tras vinte anos de presenza no país. 

O Goberno do entón presidente estadounidense, George W. Bush, iniciou unha ofensiva tras os ataques ao país norteamericano do 11 de setembro de 2001, oficialmente co obxectivo de desmantelar a rede de Al Qaeda no Afganistán, ao considerar que os talibán daban acubillo a este grupo responsábel do 11-S.

Tras dúas décadas de guerra ─a máis longa para os EUA─, o obxectivo de crear de cero un novo Estado aliado da Casa Branca na rexión fracasaron. O Afganistán, un país onde os plans centralistas bateron coa realidade dun sistema tribal e de señores da guerra, encamíñase agora cara a un novo Goberno talibán, como o que rexía antes da invasión dos EUA.

O país leva máis de 40 anos en guerra continuada desde a Revolución de Saur, en abril de 1978, e a posterior invasión da URSS, en decembro do ano seguinte. Arredor de 80% da poboación nacida durante este período descoñece o que é vivir en paz. 

65% do territorio

Esta cuarta feira, 11 de agosto, a caída das capitais das provincias de Badakhshan e Baghlan, ao nordeste, e da provincia de Farah, ao oeste, supuxeron outra dura derrota para o Goberno central, até agora incapaz de deter a marea insurxente. Aínda que Kabul non se viu directamente ameazada no avance, a ofensiva dos talibán continúa a desbordar ás forzas de seguridade afgás.

Neste sentido, The Washington Post sinalaba este 11 de agosto citando fontes do Goberno estadounidense que a Casa Branca xa prepara o escenario "a 6 ou 12 meses vista" da caída da capital afgá en mans dos talibán. Un período de tempo que outras fontes militares consultadas pola axencia Reuters reducen a un máximo de 90 días.

Segundo un alto funcionario da Unión Europea citado por outras axencias internacionais, polo menos 65% do Afganistán xa está baixo control do grupo insurxente e o Goberno central continúa a perder terreo. 

O presidente afgán, Ashraf Ghani, viaxou á provincia rodeada de Balkh, no nordeste, para buscar o apoio de dous señores da guerra locais, co fin de mobilizar forzas de apoio que fagan retroceder os insurxentes.

O norte do país foi durante anos a rexión máis pacífica, cunha presenza mínima dos talibán, que durante os seus anos no poder (1996-2001), nunca chegaron a controlar de todo.

Comentarios