Tailandia vota cos ollos no cambio

O país asiático encara unhas eleccións xerais na que a mocidade ameaza o absolutismo da monarquía e o exército

Xente agardando para votar hoxe en Tailandia (Foto: EP).
photo_camera Xente agardando para votar hoxe en Tailandia (Foto: EP).

Tailandia organiza hoxe unhas eleccións xerais no contexto dun relevo xeracional que se traduce en que millóns de mozos que levan os últimos tres anos cuestionando o bloque monolítico que conforman monarquía e exército votarán na súa contra.

Os e as máis novas apoiarán opcións reformistas e contrarias aos intereses da dinastía Shinawatra, que representan os favoritos nas enquisas partidos Avanzar e Pheu Thai.

Iso significa que a significativa baixada do actual partido gobernante Nación Tailandesa Unida –unha formación monárquica e conservadora- pode conducir, máis que a unha renovación, a un mero cambio de cromos á fronte do país.

Porque estas eleccións xerais, en realidade, deciden a maioría de escanos da cámara baixa tailandesa, concedendo ao mesmo tempo ao partido con máis asentos a posibilidade de presentar a un primeiro ministro. Porén, o Senado está dominado por representantes do oficialismo, capacitados para anular esta designación, como tamén poden facelo a comisión electoral ou os tribunais, moitos de cuxos membros foron elixidos pola última xunta golpista que liderou o país desde 2014 a 2019.

Ese ano, Tailandia completou unha "transición democrática" enormemente criticada por ONG tanto nacionais como internacionais, que denunciaron a falta de independencia das institucións do país.

O desencanto co actual réxime tamén bebe da disolución en 2020 do partido progresista Futuro Adiante por, supostamente, violar a lei de financiamento electoral, movemento que botou ás rúas mimes de mozos e mozas, que expresaron así o seu fastío coa monarquía e o exército.

As manifestacións acabaron asfixiadas a través de dúas canles, a represión militar e policial e coa escusa das medidas pandémicas, que levaron a procesar 1.600 persoas -300 delas menores de idade- por “violar as normas anticontaxios” e “ofender á Coroa”, tal e como evidenciou Amnistía Internacional.

Para que a situación cambie radicalmente, Pheu Thai e Avanzar precisan obter 376 dos 500 escanos da cámara baixa para impor ao Senado o seu candidato a primeiro ministro, unha cifra que segundo as enquisas semella difícil pero non imposíbel, pois as estimacións máis optimistas outórganlles 400.

Comentarios