martes 11/05/21

As sete tácticas empresariais para manter con vida a pandemia do tabaquismo na UE

A grande industria tabaqueira move millóns de euros ao ano. Os seus beneficios chocan, porén, coa saúde pública. As iniciativas levadas a cabo na UE para protexela encóntranse cos grupos de presión que actúan en Bruxelas en defensa dos intereses das empresas, que seguen un patrón de actuación común.
franck-v-znpTnG9_-zs-unsplash-1024x684
O Convenio Marco para o Control do Tabaco no mundo, aprobado en 2003, foi impulsado pola OMS (Foto: Expose Tobacco)

Os grupos de presión que operan dentro das institucións públicas en favor de determinados intereses económicos ou doutro tipo ─os coñecidos pola voz inglesa lobbies─ levan tempo tirando proveito da "insuficiente transparencia da UE" para funcionar e "evitar o control público". É o caso da grande industria tabaqueira que, segundo un informe publicado onte, está a conseguir de forma exitosa ralentizar a implementación de certas regulacións no control do tabaco.

Segundo os últimos datos da OMS, o cancro provocou 9,6 millóns de falecementos en 2018, a segunda causa de morte no mundo. Destes, unha cuarta parte foron consecuencia do tabaco, cifra que alcanza case un terzo en Europa. "Globalmente, acontecen anualmente 2,4 millóns de mortes por cancro debido ao uso do tabaco", recolle o informe da OMS, de 2020.

Cancro vs. beneficios

Neste sentido, a Comisión Europea presentou o pasado 3 de febreiro o Plan Europeo para Derrotar o Cancro, que pon especial énfase na prevención. En concreto, propón unha serie de medidas destinadas a conseguir unha "xeración libre de tabaco" para 2040, como políticas fiscais e de control na compra a través das fronteiras. Ademais, pon o foco nos novos produtos, como os cigarros electrónicos, e nas estratexias de publicidade en Internet que apuntan a mocidade. 

Este novo plan é o principal obxectivo dos grupos de presión da industria do tabaco e ao mesmo tempo é a principal preocupación recollida no informe publicado onte, Obxectivo a Comisión Europea: as sete técnicas de presión das grandes tabaqueiras. Os seus responsábeis son a Alianza Europea pola Saúde Pública (EPHA, en inglés) e o Observatorio Empresarial Europeo (CEO). A primeira, fundada en 1993, conta con 89 organizacións en 21 países europeos; a segunda céntrase no control das actividades dos grupos de presión empresariais dentro da UE.

Actividades que, segundo reflicte a documentación recompilada no informe, levou a numerosos contactos físicos e virtuais destes representantes das grandes tabaqueiras ─e de grupos independentes da industria do vapeo, en consonancia co discurso das primeiras─ con responsábeis de oito direccións xerais e axencias executivas da Comisión Europea (departamentos dentro dos 'ministerios' do Executivo comunitario).

Unha práctica en contra do recollido polo Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco, asinado en maio de 2003 e en vigor desde febreiro de 2005, apuntan EPHA e CEO. No seu artigo 5.3 obriga os Estados asinantes a protexeren dos intereses comerciais a aprobación e aplicación de políticas de saúde pública relativas ao control do tabaco. 

Adiar, eludir, bloquear

Atacar os mecanismos reguladores como este convenio ─o primeiro tratado en materia de saúde a nivel internacional─ é precisamente unha das sete estratexias descritas no informe e que os grupos de presión usan en defensa dos intereses económicos das grandes tabaqueiras "para adiar, eludir ou impedir totalmente que políticas efectivas de control do tabaco sexan promulgadas".

Os investigadores EPHA e CEO induciron o patrón de conduta tras analizaren a abundante documentación presentada no informe, á que tiveron acceso grazas á lei de Liberdade no Acceso á Información que rexe na UE (o dereito de acceso á documentación non publicada das institucións comunitarias a través dunha petición por escrito).

Así, sinalan, tamén "promoven falsidades" a través da publicación de estudos propios sen verificar por expertos independentes para pór en dúbida os consensos científicos acerca do tabaco. "Alentan o adiamento" ou revisión de lexislación. "Preséntanse como vítimas" do contrabando, "a pesar das probas de suposta complicidade". Avogan por acordos de libre comercio da UE para "asediar terceiros países". "Impulsan novas tecnoloxías", que usan para "atraer novas audiencias", malia argumentaren que axudan os fumadores. E tamén "enfrontan a Comisión cos Estados membros", argüíndo que as diferentes regras para o tabaco en diferentes países "ameazan o mercado único".

60 millóns de euros por lexislación favorábel

Dúas directivas, a de Impostos ao Tabaco e a de Produtos do Tabaco, están entre as que máis requirimentos recibiron por parte da industria do tabaco e dos seus grupos de presión. Segundo un informe da Universidade de Bath, a empresa Philip Morris contratou 160 persoas para evitar en 2014 a aprobación desta segunda norma, responsábel de que, por exemplo, as caixas de cigarros leven advertencias sanitarias. Un dos seus principais obxectivos era o comisario de Saúde, John Dalli, que se viu obrigado a dimitir tras ser acusado pola Oficina Antifraude da UE de recibir 60 millóns de euros dunha tabacaleira para lexislar a favor da industria.

O informe presentado onte propón tres medidas para frear a acción dos grupos de presión e evitar este tipo de casos: rexistrar ao minuto calquera reunión ou correspondencia desta índole e incluíla nun rexistro público; estabelecer unha política de actuación clara para este tipo de contactos con representantes públicos; e primar o interese público sobre a protección da privacidade cando hai intereses comerciais.

comentarios