Syriza gobernará cunha excisión de Nova Democracia contraria ao memorando da UE

Após unha xuntanza decorrida esta segunda feira (26 de xaneiro), Panos Kammenos (ANEL) asegurou que "a partir deste momento" hai novo executivo heleno.

Syriza conta a partir desta segunda feira con socio de goberno. O líder da dereita grega, Pannos Kammenos sinalou que a súa formación, Independentes Gregos (ANEL), "ofrecerá o seu voto de confianza ao goberno" de Alexis Tsipras. 

Á súa saída do encontro decorrido esta mañá na capital helena, Kammenos apuntou que o líder da formación vencedora dos comicios, Tsipras, xurará perante o presidente de Grecia Károlos Papulias e, posteriormente, anunciará nunha comparecencia de imprensa os detalles do acordo. 

Independentes Gregos (ANEL) foi fundado por Kammenos após unha excisión de Nueva Democracia. Nas eleccións do domingo ANEL obtivo 13 escanos (4,75% do voto), co seu apoio Syriza contaría coa maioría absoluta da cámara para gobernar logo de recompilar 149 escanos e o 36% dos votos. 

Durante a pasada lexislatura Independentes Gregos apoiou as iniciativas de Syriza e, neste senso, ambas as dúas formacións mantiveran encontros previos á xornada electoral para avanzar nun posíbel achegamento, concretado esta segunda feira. 

De ideoloxía conservadora, os Independentes Gregos son críticos co memorando da Unión Europea e, canda Syriza, advogan tamén por unha reestruturación da débeda.
 

Comentarios